MOBILIDADE

O BNG reclama “un estudo de mobilidade serio” para Xoán XXIII

Xoán XXIII na entrada da Cidade Histórica
Xoán XXIII na entrada da Cidade Histórica

É un punto especialmente conflitivo entre a circulación de vehículos e peonil

O BNG reclama “un estudo de mobilidade serio” para Xoán XXIII

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2017.- O portavoz do BNG de Santiago, Rubén Cela, reclamou en rolda de prensa que a solución definitiva para o tránsito de vehículos e de persoas a pé en Xoán XXIII, na altura da entrada á Cidade Histórica, “sexa dialogada, que manteña o equilibrio entre seguridade con mínimos prexuízos á cidadanía, o estudo doutras alternativas para o calmado de tráfico e a creación dun paso de peóns de pedra”.

“O BNG tense preocupado e mesmo levou a Pleno a necesidade de seguridade viaria en Xoán XXIII, na confluencia de San Francisco, ao entender que é un punto especialmente conflitivo entre a circulación viaria e peonil”, explicou, pola confusión que pode producir o empedrado, pola inexistencia de pasos de peóns, pola saída de grupos numerosos de turistas dende a dársena de autobuses de Xoán XXIII e o número de vehículos que roldaba os 4.000 diarios en cada sentido.

Para o BNG, é evidente que hai que actuar na zona, mais non convence ningunha das medidas propostas até agora. Nin as do PP con dobre carril con dobre dirección en García-Sabell e recorte na Facultade de Odontoloxía e na rotonda de Galeras; nin a das árbores para delimitar espazos, que foi positiva mais insuficiente. En canto á medida de Compostela Aberta de instalar dous sinais de preferencia peonil e prohibir o paso, “dixeron que era temporal até setembro pero o concelleiro de Mobilidade xa adiantou que valoran facela definitiva”.

Neste sentido, o BNG reclama que realicen “un estudo de mobilidade serio”, para período de vacacións e fóra de vacacións, e que teña en conta a presenza de facultades, colexio, biblioteca, centro de saúde, aparcadoiro público, veciñanza e comerciantes. Para iso débese prever o problema de sobre carga de tránsito de vehículos en vías non preparadas como Pelamios, Burgo das Nacións e o acceso a Galeras desde Pelamios.

Así, incide en que a solución definitiva sexa dialogada, que manteña o equilibrio entre seguridade e mínimos prexuízos á cidadanía e co estudo doutras alternativas para o calmado de tráfico e o paso de peóns de pedra.

“Cómpre mellorar outras actuacións en paralelo como o paso de peóns ao centro de saúde, o remate da beirarrúa na costa de San Francisco que acaba nunha sebe e non hai paso de peóns e tamén a mellora da sinalética na zona”, concluíu.