MOBILIDADE

O BNG reclama instar a Fomento a prolongar o carril de incorporación da saída da rotonda de Conxo

Carril de incorporación en Conxo
Carril de incorporación en Conxo

É unha zona que rexistra numerosos accidentes que se poderían reducir cunha pequena obra de ampliación do trazado

O BNG reclama instar a Fomento a prolongar o carril de incorporación da saída da rotonda de Conxo

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2018.- O grupo municipal do BNG require unha revisión do proxecto da rotonda de Conxo para prolongar o carril de incorporación ao periférico en dirección ao Milladoiro, ante as retencións e perigo de seguranza viaria que provoca, co fin de mellorar a mobilidade. De feito, é unha zona que está a rexistrar accidentes e situacións de risco que se poderían reducir cunha pequena obra de ampliación do trazado.

Segundo explicou o portavoz municipal nacionalista, Rubén Cela, compróbase que hai un erro no proxecto ante a elevada afluencia de vehículos que transitan pola rotonda, cun trazado e sinalización que dificultan a incorporación dos que proceden do propio barrio e que precisan un tramo máis amplo para sumárense á circulación e manterse a fluidez do tráfico e sen potenciais riscos de colisión.

Ademais, cómpre adecuar a sinalización, pois hai indicadores de ceda ao paso á dereita e esquerda de xeito simultáneo o que entraña dificultade para unha condución segura para os vehículos que proceden da rúa Sánchez Freire.

Isto súmase ás reivindicacións da veciñanza de Conxo, que o BNG ten levado ao Pleno en diversas ocasións, que lle reclama a Fomento que se arranxen as deficiencias causadas coa rotonda, pois se converteu no único paso de comunicación e mentres non se realicen as obras de humanización comprometidas o barrio permanece dividido por unha vía con dificultades de mobilidade peonil. En concreto, seguen a reclamar illamento sonoro, a canalización de augas pluviais, a integración na paisaxe urbana e a mellor sinalización, explicou Rubén Cela.