MOBILIDADE

O BNG reclama medidas para a mellora da seguranza viaria e da paisaxe en Divina Pastora e Lamas de Abade

O Castiñeiriño
O Castiñeiriño

Propón o derrubo dunha casa abandonada para facilitar o tránsito de autobuses, novas beirarrúas e a retirada de silveiras no recinto do CEIP Lamas de Abade

O BNG reclama medidas para a mellora da seguranza viaria e da paisaxe en Divina Pastora e Lamas de Abade

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2018.- O grupo municipal do BNG trasladará a Pleno unha iniciativa para a mellora da seguranza viaria e da paisaxe dunha zona do Castiñeiriño, na confluencia entre as rúas Lamas de Abade e Divina Pastora, mediante o derrubo dunha vivenda abandonada que acumula lixo e vexetación. A proposta inclúe tamén construír beirarrúas e eliminar as silveiras do CEIP Lamas de Abade.

Neste emprazamento, segundo explicou a portavoz nacionalista, Goretti Sanmartín, “hai moitos centros escolares e centros para persoas con diversidade funcional, onde se concentra un número importante de persoas que conforman a comunidade educativa: alumnado, profesorado, pais e nais”, onde se pode mellorar de maneira substancial a seguranza viaria para transporte escolar, vehículos particulares e persoas que van a pé, “co fin de conseguir unha zona máis humanizada”.

Nesta contorna está a escola de hostalaría, o instituto, a escola infantil Raiola e o centro Aspanaex de autismo, entre outros. “Aquí hai unha casa que, desde a nosa perspectiva, debería ser derrubada para o que o Concello podería conseguir a súa expropiación para o seu derrubo, para poder facilitar así a curva que ten que dar o bus urbano e os buses escolares, para que non sexan en condicións de falta de visibilidade e con problemas cando baixan por esa rúa”, explicou.

Esta é unha reclamación que coincide “cunha demanda histórica da veciñanza do barrio e das ANPAs que forman parte da comunidade educativa”, para eliminar esa curva con falta de visibilidade, á que se engade a necesidade de dispor de beirarrúas desde esa prolongación da rúa Divina Pastora até o campo de fútbol, no lado dereito de subida.

Ademais, esta casa que está abandonada desde hai moito tempo ten moito lixo amoreado e vexetación, advertiu, polo que hai que proceder á súa limpeza para adecentar este espazo que pode ser problemático de se producir un incendio.

Tampouco parece adecuado o estado onde está o instituto, cheo de silvas e de pólas de árbores caídas no interior do recinto, “esta localización que pertence ao Concello debe proceder á súa limpeza de maneira inminente”, indicou. “Estas reivindicacións pódense facer con facilidade de maneira rápida, tanto a limpeza desa casa como as ladeiras do instituto onde as silvas atravesan os arames do recinto e chegan á rúa”. “Do punto de vista estético, de humanización e de paisaxe supón unha mellora importante” se se realizan estas propostas do BNG.