CIDADE HISTÓRICA

O BNG reclama papeleiras e colectores de lixo de maior capacidade

lixo
lixo

Non hai suficientes colectores de lixo nin papeleiras de recollida selectiva na Cidade Histórica, cando se están a xerar moitos residuos que poderían ir separados para favorecer a súa reciclaxe

O BNG reclama papeleiras e colectores de lixo de maior capacidade

Santiago de Compostela, 16 de agosto de 2019.- O BNG de Santiago demándalle ao alcalde que teña en conta a numerosa afluencia de visitantes para dotar de papeleiras e colectores de lixo de maior capacidade a Cidade Histórica, tanto para facilitar o traballo de recollida como para evitar a imaxe que ofrecen rebordados de envases.

O BNG xa reclamou en reiteradas ocasións cambios no servizo de recollida de lixo para facilitar os traballos de limpeza, mais estes meses de verán onde é máis alta a afluencia de visitantes as papeleiras e colectores é evidente que non dispoñen de capacidade suficiente para recoller os envases de refrescos e envoltorios de comida, entre outros, que depositan turistas.

Do mesmo xeito que non hai suficientes colectores de lixo nin papeleiras de recollida selectiva, cando se están a xerar moitos residuos que poderían ir separados para favorecer a súa reciclaxe. Por estes motivos, o BNG reclámalle ao grupo de Goberno do PSOE que corrixa estas deficiencias do servizo de recollida para contribuír ás boas prácticas de educación ambiental.