PLENO

O BNG reclama unha zona de parada de vehículos na contorna do CEIP Monte dos Postes

Transcorreron 4 meses dende que o Goberno de Compostela Aberta anunciara esta medida e o problema aínda non se solucionou

O BNG reclama unha zona de parada de vehículos na contorna do CEIP Monte dos Postes

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2017.- O grupo municipal do BNG reclama que se habilite unha zona de parada de 10 minutos na contorna do centro de educación de infantil e primaria Monte dos Postes, tal como se comprometera o Goberno de Compostela Aberta en novembro de 2016 coa asociación de nais e pais.

Logo dunha circular da dirección do Monte dos Postes onde advertía que a Policía local ía sancionar os vehículos que estacionasen nas inmediacións do centro segundo lles comunicara o Goberno de Compostela, o Concello de Compostela comprometérase coa asociación de nais de pais deste centro a realizar un estudo para habilitar zonas de parada na contorna do colexio nos horarios de entrada e saída das aulas para que os vehículos que trasladan o alumnado puidesen permanecer estacionados uns minutos sen correr o risco de seren multados e sen entorpecer o tráfico.

Neste sentido, o BNG reclamará no Pleno que se proceda á habilitación deste espazo como teñen noutros centros de ensino, posto que xa transcorreron 4 meses dende que o Concello anunciara esta medida destinada a mellorar a seguridade viaria na contorna deste colexio público sen que se solucionase o problema.