PLENO

O BNG reitera a demanda para trasladar a antena de telefonía do Restollal

Un ano despois de aprobarse no Pleno, Compostela Aberta non resolveu o problema e increméntase a preocupación no barrio

O BNG reitera a demanda para trasladar a antena de telefonía do Restollal

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2018.- O grupo municipal do BNG traslada ao Pleno unha moción para reiterar a solicitude de cambio de emprazamento dunha antena de telefonía situada no Restollal, despois de que fose aprobado este acordo e sen que en 14 meses se fixese efectivo. Propón que se lles oferte outro emprazamento ás operadoras de telefonía, afastado deste núcleo de poboación, para a instalación da antena emisor-repetidor de telefonía móbil actualmente situada na Travesa do Restollal número 8, co fin de atender a reclamación social.

En abril de 2017 aprobouse por unanimidade unha moción do BNG para cambiar o emprazamento dunha antena de telefonía móbil do Restollal, logo de que se entregasen no Rexistro municipal de 380 sinaturas de veciñas e veciños das rúas que lindan coa Travesa do Restollal con esta reclamación, ao considerar que ese emisor-repetidor pode situarse nun lugar máis afastado e reducir as radiacións electromagnéticas que poden prexudicar a saúde.

Cómpre lembrar que sobre a repercusión das ondas que desprenden os emisores de telefonía móbil, a Organización Mundial da Saúde (OMS) adoptou o denominado “principio de precaución”. A iso súmase que o Tribunal de Apelación de Versalles invertiu a carga da proba ás empresas de telefonía, de forma que han de ser elas as que demostren que non entrañan risco para a saúde e non as persoas supostamente afectadas pola súa proximidade.

Nos últimos meses producíronse varias reunións e concentracións da veciñanza ás portas do Pazo de Raxoi para reivindicar o cambio de localización da antena e cada vez está a agravarse a preocupación no barrio e a xerarse maior malestar social. Por estes motivos, o grupo municipal do BNG volve trasladar esta demanda ao Pleno.

O BNG reitera a demanda para trasladar a antena de telefonía do Restollal