ORZAMENTOS

O BNG require novas prazas de centros de día de xestión pública na comarca de Compostela

Montse Prado con portavoces do BNG na comarca
Montse Prado con portavoces do BNG na comarca

Hai unha década, o 16 de novembro de 2007 e co BNG na Xunta, abría a Volta do Castro, a última residencia pública creada en Compostela
 

O BNG require novas prazas de centros de día de xestión pública na comarca de Compostela

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2017.- O BNG reclamou novos centros de día na comarca de Compostela, unha das principais iniciativas que trasladará en forma de emenda ao proxecto de Orzamentos do Goberno galego para 2018.

O modelo deberá ser público, de xestión pública e con medios e capacidade acaídos á demanda real que existe na comarca, segundo explicaron na rolda de prensa en que participaron a deputada Montserrat Prado, os portavoces municipais do BNG en Santiago de Compostela, Rubén Cela; en Ames, David Santomil; e en Manuel Anxo Fernández Baz; e Pilar Lueiro, membro do consello comarcal.

“En Santiago de Compostela crear un centro de día é unha cuestión de xustiza e unha débeda histórica do PP e de Feijóo con esta cidade”, explicou Rubén Cela. “Dende que Feijóo é presidente da Xunta de Galiza –e van máis de 8 anos- en equipamentos de tipo social o investimento da Xunta foi inexistente”, asegurou. A última residencia construída para persoas de terceira idade é da época do BNG na Xunta e acaba de facer 10 anos; é a residencia de Volta do Castro, engadiu. Aínda que Feijóo prometeu unha residencia de maiores nas Fontiñas, non se inclúe nos Orzamentos da Xunta para 2018. Con respecto a centros de día, indicou que as últimas foron as 40 prazas de Volta de Castro, en escolas infantís as últimas construídas foron as de Tras-Parlamento, San Roque e Polígono do Tambre, tamén daquel goberno bipartito. En materia de vivenda e promoción pública as últimas vivendas son as de Belvís, tamén da época do BNG na Consellaría de Vivenda “e seguimos agardando polas de Xoán XXIII”. Destacou tamén o caso do CEGADI, que prevía 71 prazas de centro de día para persoas con discapacidade, mais segue pechado. Do mesmo xeito que o centro de saúde de Conxo, que foi esquecido pese ao compromiso da Xunta.

Manuel Anxo Fernández Baz destacou a singularidade de Teo sobre os centros de día, “pois en 2009 asináronse convenios coa Xunta de Galiza para construír un centro de día en Calo e cando gañou as eleccións Feijóo unha das decisións que adopta é anular eses convenios e non sacar a licitación desta infraestrutura, deixando as persoas en situación de dependencia de Teo sen o centro previsto”. Atendendo a demanda veciñal, o BNG reclamou esta débeda histórica e trasladou neste 2017 unha moción ao Concello para que puxese a disposición da Xunta de novo os terreos para poderse construír o centro de día, ademais de emprender o BNG “unha campaña de recollida de sinaturas, con moito éxito, que constata a demanda existente e que se trata dunha dotación fundamental”.

Pola súa parte, David Santomil explicou que Ames, a pesar de ser o concello máis novo en termos demográficos, ten a realidade dunha poboación rural de máis de 65 anos superior ao 25% do padrón. Por este motivo, dixo, “lamentamos que non teña un centro de día propio ou na proximidade e que obrigue a Xunta a desprazarse ao centro de Urdilde que colle a área de influencia de Ames, facendo traxectos que superan 40 minutos para chegar do Milladoiro até Rois”. Tamén se fai necesario pensando na poboación dos nados entre 1950-60 que foron chegando ao concello de Ames que proximamente requirirán destes servizos. “Polo tanto, requirimos un novo centro de día na comarca que poida dar un servizo mancomunado”, concluíu Santomil.

A deputada Montserrat Prado destacou que “se desmonta a propaganda do PP cando di que a súa prioridade é atender as persoas en situación de dependencia, pois dende 2007 non houbo nin unha soa praza pública máis en centros de día”. En Galiza, case o 25% da poboación ten máis de 65 anos e o 9% máis de 80 anos, o que evidencia que sería preciso que a preocupación do Goberno fose acorde a estas necesidades de dotación de centros de día para desenvolver unha auténtica política de benestar e de atención aos maiores.

“A aplicación da Lei de Dependencia é moi deficitaria en Galiza en canto a planificación, equilibro territorial, infraestruturas, dotación e persoal”, explicou a deputada. “Por iso facemos esta reivindicación conxunta na comarca de Compostela para trasladar ao Parlamento de Galiza como un exemplo das prioridades neste momento en que estamos a tramitar os Orzamentos para 2018”, sinalou.

Os datos do CES revelan que máis do 60% dos centros de día en Galiza son de titularidade privada e o resto, os de xestión pública, son herdanza da planificación do Goberno anterior ao PP. Así, reclamou “infraestruturas acordes á realidade para poder manter na súa contorna familiar persoas cun certo nivel de dependencia que poden estar na casa pero requiren a atención dun centro de día próximo”. “Basta de discursos baleiros e de toneladas de propaganda de Feijóo porque levan dous anos anunciando unha residencia en cada cidade de Galiza e nestes Orzamentos só consignan 700.000 euros para a totalidade, o que dará tan só para mover papeis e non se verificará en realidade”, advertiu.

Non está capitalizando unha rede pública de centros de día, de residencias e de escolas infantís como corresponde, senón que incrementa as prazas privadas a conta de orzamentos de servizos sociais que non benefician a realidade de Galiza que, cada vez, ten máis xente maior, expresou.