ORZAMENTOS

O BNG rexistra emendas aos Orzamentos da Xunta para a mellora ambiental, educativa, do patrimonio cultural, sanidade, vivenda e creación de emprego en Santiago

 

Reclama 1,5 millóns de euros para a construción de vivenda pública e 1 millón de euros para un plan de emprego xuvenil que atalle a emigración

O BNG rexistra emendas aos Orzamentos da Xunta para a mellora ambiental, educativa, do patrimonio cultural, sanidade, vivenda e creación de emprego en Santiago

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2018.- O grupo parlamentar do BNG rexistrou emendas aos Orzamentos da Xunta para 2019 que inclúen 14 partidas para Santiago vinculadas á mellora ambiental, educativa, do patrimonio cultural, sanidade, vivenda e emprego. Cuestiona a falta de responsabilidade do PP de non incluír fondos para servizos públicos básicos e necesarios para mellorar a calidade de vida da veciñanza de Compostela.

En concreto, reclama 1,5 millóns para un plan de fomento da compostaxe comunitaria e doméstica na comarca de Compostela e inclúe a nova estación depuradora da Silvouta e mais a ampliación da rede de saneamento en Santiago de Compostela na emenda por valor de 25 millóns de euros do Plan de obras hidráulicas, de abastecemento de auga, saneamento e depuración.

Con respecto ao apartado de educación, reclama 7 millóns para un plan de recuperación da xestión directa dos comedores escolares; 500.000 euros para a construción da nova Escola Oficial de Idiomas de Compostela, tendo en conta que Santiago é unha cidade universitaria e turística cunha alta matriculación e que precisa cumprir a ratio de alumnado/profesorado/aula e impartir idiomas que non se dar por falta de espazo; 500.000 euros para a ampliación do Conservatorio profesional de música e 500.000 para un plan de dotación de escolas públicas infantís en Santiago.

No ámbito do patrimonio cultural, incorpora 100.000 euros para un programa de difusión do Panteón Real da Catedral de Santiago, onde están enterradas 5 xeracións das familias  que conformaron o Reino da Galiza, e 100.000 euros para un programa de difusión do Banquete de Conxo, unha iniciativa impulsada polo BNG. No plano institucional, reclama 1 millón de euros máis para o Estatuto de Capitalidade Santiago de Compostela.

Ademais, inclúe 1 millón de euros para o novo centro de saúde de Conxo, para atender debidamente a demanda na sanidade pública das 130.00 persoas asignadas á área de Santiago; 1 millón de euros para o desenvolvemento dun programa específico para a creación de emprego xuvenil en Santiago de Compostela, 1,5 millóns de euros para a construción de vivenda pública co fin de contribuír a garantir o dereito á vivenda e comezar co proxecto para xente moza na parcela de Xoán XXIII; e un plan de mellora da seguranza viaria e da mobilidade peonil e ciclista nos camiños de Santiago.

Deste xeito, o BNG cuestiona o dobre discurso do PP, cando di apoiar estas necesidades básicas e logo vétaas no Parlamento e no Goberno da Xunta e non destina nin un euro para as facer realidade nos Orzamentos da Xunta para 2019.