EMPREGO

O BNG sinala que a baixada do paro é debida á estacionalidade e á precariedade laboral

En xullo descendeu en Santiago de Compostela o paro rexistrado en 60 persoas

O BNG sinala que a baixada do paro é debida á estacionalidade e á precariedade laboral

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2017.- O grupo municipal do BNG de Santiago sinalou que o descenso en 60 persoas do paro rexistrado en xullo, que segundo os datos da Xunta está en 5.798 persoas (3.287 mulleres e 2.511 homes), se debe aos contratos para a tempada de verán que adoitan ser precarios.

Para o BNG, cómpre revisar o modelo turístico da cidade que, a pesar de alcanzar récords de visitantes, está lonxe de favorecer a contratación estábel, profesionalizada, con salarios e horarios segundo o convenio do comercio e da hostalaría. Isto afonda nas desigualdades e na estacionalidade, ademais de provocar falta de garantías nas condicións de traballo.

Outro factor é a rotación provocada entre o emprego temporal e o desemprego, que se une á constante apertura e peche de negocios co risco económico que iso supón, o que propicia unha alta mobilidade do mercado de traballo que mesmo empuxa á emigración como saída por falta de oportunidades que conduzan á estabilidade laboral para a veciñanza de Compostela.

É evidente que a reforma laboral española favoreceu en Galiza a temporalidade e os contratos de traballo a tempo parcial involuntarios e, pese aos cantos de recuperación e de saída da crise, os indicadores de risco de pobreza, exclusión social e desigualdade seguen a medrar con respecto á media europea.