PARLAMENTO

O BNG traslada ao Parlamento as demandas veciñais para rematar as concentracións parcelarias de Villestro e Figueiras

Goretti Sanmartín e Xosé Luís Rivas 'Mini'
Goretti Sanmartín e Xosé Luís Rivas 'Mini'

A demora de 27 anos da Xunta aféctalle a 1.200 persoas propietarias con 14.000 parcelas que están en zona de alto risco de incendio por falta de ordenación

O BNG traslada ao Parlamento as demandas veciñais para rematar as concentracións parcelarias de Villestro e Figueiras

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2019.- O BNG presentou unha batería de iniciativas que rexistrou no Parlamento, logo de manter unha reunión coas asociacións veciñais de Figueiras e Villestro, para reivindicar que se conclúan os procedementos de concentración parcelaria en Santiago de Compostela.

A portavoz municipal Goretti Sanmartín e o deputado responsábel de Medio Rural do BNG no Parlamento, Xosé Luis Rivas 'Mini' explicaron, en rolda de prensa, que dos 21 procedementos de reestruturación parcelaria de Santiago, fica un sen resolver, que é a concentración de Villestro e Figueiras. “As asociacións veciñais de Villestro e de Figueiras levan esperando por esta concentración máis de 27 anos”, indicou Goretti Sanmartín.

Esta concentración iniciouse en 1991 e está na fase de ‘bases definitivas’ desde que foron aprobadas en novembro de 2009 e agarda a súa fase final de construción de pistas e entrega de títulos, polo que hai 1.200 persoas propietarias afectadas con 14.000 parcelas e cunha superficie de máis de 1.500 hectáreas. “Con esta concentración preténdese a ampliación da superficie produtiva e tamén a reordenación do montes para minimizar o risco de lume forestal, xa que estas dúas parroquias están consideradas polo Pladiga como zonas de alto risco de incendios”, dixo.

Explicou tamén que “as asociacións veciñais reclaman que se destinen as masas comúns á reserva do futuro cinturón oeste e a ampliación das redes viarias”. “A veciñanza destes lugares está farta despois deste tempo longo de espera e entende que a Xunta debera cumprir promesas para rematar esta concentración parcelaria”, explicou. Así, lembrou que pese a que a moción do BNG se aprobou en setembro de 2018, cos votos a favor do BNG, CA e PSOE e coa abstención do PP, “faise necesario levar estas iniciativas ao Parlamento”.

Demora de 27 anos

‘Mini’ indicou que “unha demora de 27 anos na reestruturación da propiedade do monte non é de recibo, máis cando é necesario xestionar as faixas de seguridade nunhas parroquias de alta actividade incendiaria, que require unha ordenación”.

“A promesa de Feixóo a principios desta lexislatura foi clara cando afirmou que ían rematar todos os procesos de concentración parcelaria iniciados e, neste caso, é obriga do BNG premer para que a realicen, aínda sabendo que son procedementos lentos, burocráticos e pouco válidos na actualidade”, sinalou.

“Un monte non arde cando a xente participa na xestión dese monte; mais cando a atomización da propiedade impide a xestión dese monte, a xente non mira para el nin o sente como seu”, explicou o deputado do BNG.

 

“Aínda sabendo o custoso que é facer a concentracións parcelarias, é moito máis custoso extinguir os incendios desde o punto de vista económico; co que custa a extinción nunha campaña de incendios en Figueiras con medios aéreos rematábase a concentración parcelaria”, engadiu Goretti Sanmartín.