FAMILIA

O BNG traslada ao Pleno medidas de apoio para familias acolledoras de cara á protección da infancia

Reunión con Acougo
Reunión con Acougo

O Concello de Santiago de Compostela debe dar a consideración de fillos e fillas a menores en acollemento durante o seu período de convivencia familiar

O BNG traslada ao Pleno medidas de apoio para familias acolledoras de cara á protección da infancia

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2023.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, mantivo un encontro coa directora de Acougo, Carmen Dourado, e con Sandra López, nai de familia acolledora, e comprometeuse a levar a Pleno unha iniciativa para adoptar medidas que favorezan as familias acolledoras “e facer visíbel a existencia do importante labor social desta entidade no relativo á protección da infancia”.

As crianzas menores de 3 anos teñen que estar, de acordo coa lexislación, en familias de acollida, mais aínda permanecen en centros de protección arredor de 1.700 nenos e nenas en Galiza, “unha cifra moi distante para alcanzar o obxectivo de que en 2026 ningunha crianza menor de 6 anos resida nun centro e en 2030 ningún menor de 10 anos non teña un fogar de acollida”. Neste sentido, necesítase un apoio maior por parte da Xunta de Galiza mais tamén polo Concello de Santiago, que ten competencias en materia de protección da infancia.

Así, o BNG defende a equiparación real nos trámites administrativos das crianzas en acollemento -en todas as modalidades de temporal, permanente, en adopción ou de urxencia- á condición de fillo ou filla durante o tempo que se atope en situación de acollemento familiar, con medidas de discriminación positiva e coa incorporación do ítem de “familia de acollida” nos impresos e áreas de xestión do Goberno municipal, con instrucións para que o persoal da administración coñeza polo miúdo as situacións das familias, ademais de solicitar que se abra un rexistro municipal de familias acolledoras que pode facilitar a participación en actividades, indicou Goretti Sanmartín.

O acollemento familiar é un recurso social que proporciona unha familia alternativa á de orixe a aqueles nenos e nenas ou adolescentes que, por diversas razóns, non poden convivir coa súa nin facerse cargo deles e pasan a ser tutelados pola Administración. A lexislación recolle os dereitos de acolledores familiares, sinalando a obrigatoriedade de facilitar ao/á menor acollido/a as mesmas condicións que a fillos/as biolóxicos ou adoptados, co fin de facer uso de dereitos ou obrigas familiares durante o tempo que a persoa menor conviva coa familia. Así mesmo, dispón que a familia acolledora terá os mesmos dereitos que a Administración recoñece ao resto de unidades familiares.

As familias de acollida atópanse con dificultades en relación á conciliación familiar e laboral, de sanidade ou educación, de lecer, deportes ou convocatoria de distintas axudas ou descontos familiares, para o que precisan a equiparación real e efectiva ás persoas menores de idade en acollemento familiar coa condición de fillo/a, coa particularidade dun enfoque transversal que permita activar accións de discriminación positiva, para fortalecer e promocionar o acollemento familiar.

Así, o Concello de Santiago de Compostela, para todos os efectos, debe dar a consideración de fillos e fillas a menores en acollemento familiar durante o seu período de convivencia, o que se traduce no acceso en igualdade de condicións ás familias con fillos naturais, aos servizos municipais, como poden ser ludotecas, bolsas, campamentos, actividades deportivas e mesmo a inscrición na Escola municipal de música. É dicir, nestes casos os menores de acollida deben ter a consideración de fillos/as e irmáns/ás. Deste xeito, tamén deben poder ser beneficiarias das reducións de impostos na área de familia, de deporte, de facenda e de transporte urbano, entre outros, e contar con prazos adicionais en función das circunstancias de acollemento.

 

O BNG traslada ao Pleno medidas de apoio para familias acolledoras de cara á protección da infancia