PLENO

O BNG traslada ao Pleno unha moción para mellorar o servizo de coidado e necesidades especiais nos comedores

Resulta incoherente que se solicite que o persoal coidador da Xunta de Galiza asuma tarefas que lle corresponden ao persoal da empresa contratada

O BNG traslada ao Pleno unha moción para mellorar o servizo de coidado e necesidades especiais nos comedores

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2017.- O grupo municipal do BNG traslada ao Pleno unha moción para mellorar o servizo de atención e coidado do alumnado con necesidades de apoio especiais nos comedores escolares de Santiago de Compostela.

A Asociación de auxiliares técnicas e educativas de Galiza (ASATE) enviou unha carta ao alcalde de Santiago para expresar o seu rexeitamento pola situación creada a raíz do proceso para a contratación do servizo de comedores escolares xestionados polo Concello de Santiago que inclúe unha cláusula que especifica que a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria achegará os coidadores para a atención de alumnado con necesidades educativas especiais que teñan asignados.

No prego de prescricións técnicas que  rexe  a  contratación  da  xestión  do servizo de comedores escolares detállase que o persoal correrá  totalmente  por  conta  da  empresa adxudicataria,  que  será  a  única  responsábel da súa contratación e da relación  laboral  entre  o  persoal traballador e a empresa adxudicataria (...) sen que en ningún caso, da prestación de funcións por parte deste persoal derive relación laboral algunha do mesmo, nin co Concello de Santiago nin co centro de ensino no que preste o seu servizo.

Dise ademais que a empresa adxudicataria porá a disposición de cada centro o persoal monitor de atención ao alumnado, baixo as directrices da persoa responsábel do comedor, e que desenvolverán como mínimo as funcións de coidado e apoio ao alumnado que pola súa idade ou necesidades educativas especiais asociadas a condicións persoais de discapacidade, necesiten a colaboración e soporte dunha persoa adulta nas actividades de alimento e aseo.

Por estes motivos, resulta incoherente que se solicite que o persoal coidador da Xunta de Galiza asuma tarefas que lle corresponden ao persoal da empresa contratada polo Concello para a realización do servizo de comedores e que xa viñan realizando.