CONGRESO

BNG urxe a creación de tres novos xulgados de violencia de xénero na Galiza

Néstor Rego e Goretti Sanmartín reclaman o Xulgado de violencia de xénero
Néstor Rego e Goretti Sanmartín reclaman o Xulgado de violencia de xénero

“Estamos a falar de dereitos básicos que a Xunta e o Estado teñen que garantir” explicou a candidata do BNG á alcaldía de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín

BNG urxe a creación de tres novos xulgados de violencia de xénero na Galiza

Rego: “Se o Ministerio de Xustiza quere traballar na loita contra a violencia de xénero é preciso materializar este desexo en políticas públicas efectivas e prácticas”

Ourense, Lugo e Santiago de Compostela carecen deste órgano especializado a pesar de existir informes que sinalan a necesidade de avanzar na súa creación, recrimina

Madrid, 13 de febreiro de 2023. O Bloque Nacionalista Galego reclama, máis unha vez, ao Goberno do Estado a creación de tres novos xulgados de violencia de xénero na Galiza: Ourense, Lugo e Santiago de Compostela. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, incide na necesidade de comezar os trámites para incrementar os organismos especializado na materia despois de que a frente nacionalista coseguise recollelo no Acordo de Investidura e rexistrado diversas iniciativas no Congreso e emendas aos Orzamentos do Estado durante a lexislatura.

Nas últimas Memorias do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero reitérase a recomendación de “avanzar na especialización dos xulgados relacionados coa violencia contra as mulleres”. Tamén o Servizo de Inspección realizou numerosos informes en que se analizaba a necesidade de crear estes órganos instrutores e de axuizamento, a especialización ou mesmo a comarcalización dalgúns dos xa existentes. De facto, no caso concreto dos xulgados do penal recoméndase a creación de, polo menos, un xulgado en cada provincia.

“O BNG coincide coa necesidade de crear tres xulgados máis de violencia de xénero na Galiza. Por este motivo xa o incorporamos ao Acordo de Investidura a comezos da lexislatura e, de maneira continuada, rexistramos diversas iniciativas no Congreso e emendas aos Orzamentos para 2021, 2022 e 2023” destaca o deputado do BNG.

Ourense, Lugo e Santiago de Compostela son cidades que carecen deste órgano especializado a pesar da existencia dos numerosos informes que sinalan a necesidade de avanzar na súa creación. En opinión de Néstor Rego, se de verdade se quere traballar na loita contra a violencia de xénero o Ministerio de Xustiza debe comprometerse. “É preciso materializar este desexo en políticas públicas efectivas e prácticas. O Goberno debe cumprir os seus compromisos” sinala.

Agora, a frente nacionalista volve reclamar, a través de iniciativas na cámara baixa, comezar os trámites para a creación destes órganos xudiciais especializados e estabelecer un calendario para aclarar cando estarán operativos.

Santiago de Compostela precisa este organismo, sinala Sanmartín

Pola súa parte, a portavoz municipal do BNG e candidata do BNG á alcaldía de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, engadiu que o BNG segue a reivindicar o Xulgado de Violencia de Xénero en Santiago de Compostela tanto no Congreso, como no Parlamento e no Concello. Existe unanimidade social nesta reivindicación que o Colexio da Avogacía de Compostela sempre solicitou, e non é unha cuestión de cifras, aínda que co atendemento comarcal xa abondaría para que fose unha realidade. “Estamos a falar de dereitos básicos que a Xunta e o Estado teñen que garantir”, explicou.

“O Observatorio contra a Violencia de Xénero reclamou que todas as vítimas sexan atendidas por persoas profesionais expertas na materia, para facilitar formación para que xuízas, fiscais, forzas e corpos de seguridade, forenses, traballadoras sociais, avogadas e procuradores dispoñan de maior detalle e especialización neste tema” incide Sanmartín.

Lembrou tamén que en marzo de 2021 foi aprobada unha moción do BNG, coa abstención do PP, para crear ese Xulgado de violencia de xénero en Santiago de Compostela e que en outubro de 2019 xa a Corporación compostelá asinara unha declaración institucional nese mesmo sentido.

A Lei integral contra a Violencia de xénero aprobada en 2004 ten o propósito de garantir a especialización no tratamento da denuncias por violencia machista  e tamén o Pacto de Estado contra a violencia de xénero sinala, na súa medida 122, a necesidade de reforzar a especialización no ámbito procesual intermedio, xulgados do penal, que é o que atende un maior número de casos de violencia machista. O propio pacto insta a especializar “un ou varios en cada provincia para facilitar o coñecemento dos asuntos” de violencia de xénero.

 

BNG urxe a creación de tres novos xulgados de violencia de xénero na Galiza