Fomento incumpriu trámites da alta tensión en Coira para inaugurar o Eixo Atlántico Ferroviario

Fomento incumpriu trámites da alta tensión en Coira para inaugurar o Eixo Atlántico Ferroviario

A Fiscalía de Medio Ambiente investiga o procedemento ao atopar indicios de suposto delito de prevaricación nas obras para a conexión eléctrica do tren

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2015.- O BNG advirte de que ADIF non respectou os prazos de exposición pública da liña de alta tensión en Coira, entre Santiago e Ames, para garantir que a ministra de Fomento, Ana Pastor, inaugurase as probas da alta velocidade ferroviaria no Eixo Atlántico xusto antes das eleccións, cun incumprimento de prazos de exposición pública que está a ser investigado pola Fiscalía de Medio Ambiente ao atopar indicios de suposto delito de prevaricación.

Segundo explicou o candidato do BNG-Asembleas Abertas de Ames, David Santomil, “no PP son conscientes de que saltaron o procedemento administrativo ao non someter o proxecto a exposición pública para apurar os prazos e non atender as reivindicacións da veciñanza afectada, co fin de poder traballar mesmo de noite e os domingos e así facilitar a visita de Ana Pastor con claro interese electoralista”. “Tanto os alcaldes de Ames e de Santiago, como a Xunta e Ministerio de Fomento, miraron para outro lado sendo conscientes do incumprimento do procedemento nun claro indicio de prevaricación, feito que está en mans da Fiscalía de Medio Ambiente, que analiza o documento onde constan as indicacións expresas do Ministerio de Fomento para lle dar continuidade á obra”, explicou Santomil.

Rubén Cela lembrou tamén que o BNG de Santiago lle preguntou ao alcalde de Santiago se ía adoptar medidas na defensa da veciñanza de Coira afectada pola liña de alta tensión, onde comezaron as obras de canalización de liña de 220.000 voltios sen aviso previo, sen información de detalle do trazado, con evidentes modificacións do proxecto inicial e sen respectar o prazo de alegacións.

Para Rubén Cela, “as presas nunca son boas cando falamos do acabado deste tipo de infraestruturas, pero é lamentábel como se fixeron as cousas para garantir que a ministra sacase unha foto o último día que legalmente o podía facer ao publicarse hoxe a convocatoria das eleccións municipais”. “O electoralismo roza o esperpento, afirmou, “saca a foto in extremis antes das eleccións, pero non hai data para posta en marcha do servizo”.

Estación intermodal

O BNG cuestionou así que as administracións gobernadas polo PP incumpran os procedementos administrativos “con fins electoralistas”, posto que a ministra Ana Pastor visitou actuacións no último mes “para anunciar novos proxectos máis que nos últimos catro anos, cando aínda non ten unha folla de ruta para a estación intermodal de Santiago de Compostela”, indicou Rubén Cela.

“O que vén de anunciar a ministra respecto da intermodal de Santiago é o que todos e todas sabíamos: que o Goberno do Partido Popular supuxo catro anos perdidos para Santiago, porque as obras non comezarán até 2018”, indicou. “Mentres Vigo inaugura a súa nova terminal, en Santiago estamos no mesmo punto no que o colleu Conde Roa hai catro anos; non se avanzou nin un paso, retrocedeuse”, engadiu Rubén Cela.

A cidadanía de Santiago “está farta de escusas e de promesas incumpridas, pasaron tres alcaldes do PP neste mandato, pero a actuación de Conde Roa, Currás e Agustín foi a mesma, complicidade cos incumprimentos de Madrid con Santiago”.

“O BNG nunca demandou unha actuación faraónica, agora ben, polo que non pasaremos será por promesas de malos parches; esiximos e esixiremos unha solución que desde unha perspectiva urbanística e de mobilidade estea á altura do que precisa a capital de Galiza que está moi lonxe do prometido por Ana Pastor”, concluíu.

Fomento incumpriu trámites da alta tensión en Coira para inaugurar o Eixo Atlántico Ferroviario