PLENO

Goretti Sanmartín defenderá a moción do 8 de marzo para que Xunta e Estado incrementen o orzamento de atención á dependencia e melloren as condicións laborais deste servizo

Goretti Sanmartín (BNG)
Goretti Sanmartín (BNG)
Propón que a Corporación apoie as xornadas de mobilización do movemento feminista galego que este ano terán o punto de mira nos coidados
Goretti Sanmartín defenderá a moción do 8 de marzo para que Xunta e Estado incrementen o orzamento de atención á dependencia e melloren as condicións laborais deste servizo

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2020.- A portavoz municipal Goretti Sanmartín anunciou que o BNG presentará unha moción destinada a apoiar as reivindicacións do movemento feminista galego neste 8 de marzo relativas a incrementar o valor social e económico do traballo do fogar e dos coidados.

Segundo explicou Goretti Sanmartín, “o vindeiro 8 de marzo o feminismo galego fará historia novamente”. Baixo o lema “Sen coidados non hai vida. Mudando o sistema, derrubando o patriarcado” están convocados diversos actos preparatorios, unha manifestación nacional en Verín o 1 de marzo e o propio 8 de marzo en Santiago de Compostela será unha xornada de mobilización, con ruadas, carpas con actividades artísticas e unha manifestación en horario de tarde.

Con esta resposta e con esta campaña, o feminismo galego autoorganizado sitúa os coidados no centro do debate e as consecuencias para as mulleres galegas do sistema económico, social e político en que vivimos, que non podería sosterse sen coidados que se desenvolven en moitas ocasións de forma gratuíta ou a través da precarización de moitas mulleres.

Goretti Sanmartín reclama un plan de actividades extraescolares e de conciliación para todo o ano, asumido polo propio Concello de Santiago, posto que os 180.000 euros resultan insuficientes para descentralizar e atender a demanda existente.

“Desde o BNG entendemos que lles corresponde ás institucións escoitar e recoñecer os debates que o feminismo galego está a colocar na axenda social e comprometer os nosos esforzos en corrixir as desigualdades que permanecen na Galiza de 2020”, explicou. Os recortes que se aplicaron desde as administracións galega e estatal derivan no infrafinanciamento de moitos servizos públicos e esta situación tradúcese, moitas veces, na precariedade destes servizos e das persoas que traballan neles, como é o caso do Servizo de Axuda no Fogar.

Deste xeito, a moción do BNG demanda da Xunta de Galiza a asunción dos programas relativos á dependencia para garantir a súa prestación universal e en igualdade para todas as persoas usuarias e, transitoriamente, demandar da Xunta de Galiza e do Goberno español o incremento da súa dotación orzamentaria de forma que se garanta a continuidade dos servizos e se melloren as condicións laborais e salariais das traballadoras neste ámbito.

Outro punto da iniciativa reclama o compromiso para a elaboración Plan de Dignificación e Visibilización dos Coidados co fin de valorizar e divulgar entre o conxunto da poboación galega a súa relevancia económica e social e as consecuencias que supón para o exercicio dos dereitos das mulleres o desequilibrio que persiste na actualidade así como as vantaxes sociais dun reparto equitativo dos tempos entre homes e mulleres.