PLENO

Goretti Sanmartín empraza o alcalde a presentar unha proposta de acordo para non deixar na inseguranza as vivendas de uso turístico

“Como BNG coincidimos na idea de limitar a implantación de estabelecementos hoteleiros e vivendas turísticas no tecido residencial da Cidade Histórica”, explica

Goretti Sanmartín empraza o alcalde a presentar unha proposta de acordo para non deixar na inseguranza as vivendas de uso turístico

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2018.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín Rei, emprazou o alcalde a “tomar as rendas” para conseguir “un acordo cos grupos e co sector” para regularizar os apartamentos turísticos que contan coa inscrición do Rexistro da Xunta mais carecen de autorización municipal, toda vez que o concelleiro de Urbanismo non avanzou no texto trasladado á Comisión de Urbanismo de xullo pese as eivas detectadas e ao compromiso de consensualo antes da aprobación.

No Pleno deste xoves debaterase a modificación do Plan Especial de Rehabilitación e Protección da Cidade Histórica para limitar os apartamentos turísticos. O Goberno de Compostela Aberta levou unha proposta á Comisión de Urbanismo do 12 de xullo “similar á que volve traer a este Pleno do mes de outubro, cando había un acordo para modificar o texto” xa que deixaba nunha situación de “inseguranza xurídica” pequenos propietarios que tiñan unha vivenda “en plan de economía colaborativa familiar, como un complemento de ingresos”; un modelo diferente ao dunha “economía profesional cun número de pisos importante”. “Por suposto, referiámonos a propietarios que tivesen inscrito todo debidamente no Rexistro da Xunta ao abeiro do decreto de xaneiro de 2017”, explicou, “e decidiuse daquela traer unha nova proposta para acadar o máximo apoio posíbel entre os grupos”.

Segundo indicou Goretti Sanmartín, chégase ao mes de outubro “co mesmo texto, sen ter comunicación previa entre os grupos e sen acadar consenso co sector”; isto entra nun conflito derivado das competencias das distintas administracións e terán que ser as instancias xurídicas as que decidan quen teña razón, por un lado a regularización da Xunta co decreto de 2017 e por outro a interpretación do Concello, que referendou en xullo de 2018 que todas as categorías de aloxamento turístico teñen que asinar unha declaración responsábel diante do Concello e comunicar se cumpren a normativa existente, engadiu.

Deste xeito, reclamoulle “directamente” ao alcalde, “xa que o concelleiro de Urbanismo foi incapaz de chegar a un acordo sobre ese texto, que negocie esta modificación con todos os grupos e que nun ámbito tan delicado coma este se chegue a consenso tamén co sector”. Ademais, anunciou que o BNG levará unha proposta ao Parlamento coa idea de que se estuden outros modelos, como o de Andalucía, “que distingue os apartados de alugueiros familiares ou profesionais con moitas vivendas”.

“Como BNG coincidimos na idea de limitar a implantación de estabelecementos hoteleiros e apartamentos turísticos no tecido residencial da Cidade Histórica, aínda que entendemos que este fenómeno non é único culpábel da perda de habitantes da zona vella nin do proceso de turistificación”, afirmou. Aludiu, deste xeito, á falta de servizos como ascensores, garaxes e banda larga de internet, entre outros. “Por iso o Plan Especial precisaría unha revisión máis profunda relacionada con todos os usos da Cidade Histórica cunha afección directa para a protección do patrimonio”, dixo.

“Non nos parece xusto deixar nunha situación de ilegalidade as vivendas inscritas no rexistro da Xunta que practican unha economía colaborativa sen ser nun formato profesional ou especulativa de aloxamentos turísticos”, concluíu.