VIVENDA

Goretti Sanmartín empraza a Borja Verea a demandar unha indemnización da Xunta para as persoas inscritas “no seu fraudulento Rexistro de vivendas turísticas”

Goretti Sanmartín Rei
Goretti Sanmartín Rei

“Observamos no candidato do PP de Santiago un cinismo fóra de límites, parece que non son parte do problema cando é a Xunta de Galiza a administración que ten a competencia de regular o dereito a unha vivenda digna”, advirte

Goretti Sanmartín empraza a Borja Verea a demandar unha indemnización da Xunta para as persoas inscritas “no seu fraudulento Rexistro de vivendas turísticas”

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2022.-  O BNG solicítalle a Borja Verea que ocupe o seu tempo en pedirlle á Xunta de Galiza que indemnice a persoas propietarias de vivendas de uso turístico que, durante moito tempo, estiveron “en inseguranza total por un Rexistro da Xunta fraudulento”.

Ese Rexistro de vivendas de uso turístico da Xunta non se ocupaba de que se cumprisen as esixencias municipais e, por tanto, funcionaba de maneira irregular a pesar de que o Concello de Santiago lle advertiu en diferentes ocasións que non podía inscribir e rexistrar directamente como vivendas de uso turístico aqueles lugares que carecían de licenza.

Por tanto, como advertiu Goretti Sanmartín onte no Pleno do Concello de Santiago “é responsabilidade da Xunta chegar a esta situación e moito do comprensíbel enfado das persoas propietarias de vivendas de uso turístico debería dirixirse directamente á Xunta de Galiza”.

“Observamos no candidato do PP de Santiago un cinismo fóra de límites, parece que non son parte do problema cando é xustamente a Xunta de Galiza, en primeiro lugar, a administración que ten a competencia de regular o dereito do gozo dunha vivenda digna e axeitada”, indicou Goretti Sanmartín. Así, lembrou que a Xunta durante toda a etapa de goberno de Núñez Feijóo non construíu nin unha soa vivenda de protección oficial nin creou vivenda pública en Santiago de Compostela.

“Agora dedícanse simplemente a facer política de cinismo e de hipocrisía, polo que solicitamos que se quere actuar polos intereses da veciñanza de Santiago de Compostela que se ocupe desas indemnizacións necesarias porque a política do PP na Xunta causou inseguranza en moitísimas persoas propietarias de vivendas sen ter en conta que a competencia era municipal”, engadiu.

Deste xeito, a portavoz municipal do BNG recomendoulle ao candidato Borja Verea “menos discurso hipócrita, menos cinismo e moito máis traballo a prol da cidadanía de Santiago de Compostela”.

Goretti Sanmartín empraza a Borja Verea a demandar unha indemnización da Xunta para as persoas inscritas “no seu fraudulento Rexistro de vivendas turísticas”