XACOBEO

Goretti Sanmartín esixe un cambio de enfoque no Xacobeo “para darlle oportunidade ao noso tecido cultural”

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
“De momento, Bugallo non resultou ser un bo negociador, polo que o BNG espera pouco da visita do alcalde a Madrid”
Goretti Sanmartín esixe un cambio de enfoque no Xacobeo “para darlle oportunidade ao noso tecido cultural”

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2020.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, realizou unha valoración das entrevistas que manterá o alcalde en Madrid para tratar temas do vindeiro Xacobeo co Goberno español e esixe “un cambio de enfoque” para darlle oportunidade ao noso tecido cultural e mellorar as condicións de vida das persoas que residen en Compostela fronte avalanchas de visitantes dun día.

“O BNG espera pouco da visita do alcalde a Madrid porque de momento non resultou ser un bo negociador”, afirmou Goretti Sanmartín. “Co seu amigo Feijóo non conseguiu incrementar a cantidade polo Estatuto da Capitalidade nin resolver o tema das vivendas de protección oficial de Xoán XXIII”, engadiu.

No caso concreto do Estado, lembrou que aínda non se fixo efectiva a retirada da cláusula do convenio da esixencia de chegar aos 3,5 millóns de persoas pasaxeiras para a construción intermodal. Do mesmo xeito que o BNG continúa a agardar que se dean pasos no tema da estación depuradora de augas residuais, que debe ser unha prioridade para mellorar a calidade ambiental.

Reclamou tamén que introduza o tema da eliminación da taxa de reposición de efectivos, por parte do Goberno do Estado, que lastra o funcionamento das administracións ao non poder contratar o persoal necesario.

“Perspectiva de cidade”

Este tipo de visitas institucionais deberían ser “con perspectiva de cidade” para integrar o conxunto da Corporación, “o lóxico sería que estes temas se tratasen nunha Xunta de Portavoces para trasladar unha posición común asumida polas persoas representantes municipais”, sinalou.

No que se refire ás achegas para o Xacobeo, o BNG esixe “un cambio de enfoque” pois Bugallo só pensa nunha orientación con prioridade para visitantes e non nunha oportunidade para o noso tecido cultural e unha posibilidade de mellorar as condicións de vida de veciñas/os, segundo explicou.

“Nesa liña, lembramos que o Consorcio leva anos cunha dotación orzamentaria insuficiente para facer fronte ás necesidades de Compostela para rehabilitar, insonorizar edificios, dotar de fibra óptica e facilitar que haxa vida de persoas residentes na zona vella”, destacou. O seu orzamento está agora entre os 8 e 9 millóns de euros cando superou os 21 millóns de euros en 2004.