ELECCIÓNS

Goretti Sanmartín mantén un encontro coa mocidade para presentar o programa de vivenda

Café con mocidade
Café con mocidade

“No BNG temos como prioridade mellorar a habitabilidade das 9.500 vivendas baleiras para dinamizar o mercado de alugueiro e facilitar a emancipación”, explica

Goretti Sanmartín mantén un encontro coa mocidade para presentar o programa de vivenda

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2019.- A  cabeza de lista do BNG á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, participou nun encontro coa mocidade onde presentou as medidas destinadas á mellora das vivendas, coa prioridade de ampliar o programa municipal de fomento do alugueiro para facer os fogares confortábeis, con servizos básicos en bo funcionamento co fin de facilitar a emancipación da xente nova.

No actual momento económico, unha das prioridades para atender o criterio de sustentabilidade debe ser desenvolver medidas para habitar as vivendas baleiras que hai en Santiago antes de continuar coa ocupación extensiva de territorio, explicou.

“No próximo goberno poremos en marcha medidas para incentivar a entrada no mercado inmobiliario do maior número posíbel de vivendas que se atopan desocupadas nestes momentos en Santiago”, explicou. “Antes de desenvolver novos polígonos residenciais, é necesario facer unha diagnose das 37.111 vivendas principais, 9.553 secundarias e 9.512 baleiras que existen na actualidade en Santiago, en contacto coa opinión da veciñanza e dos sectores sociais implicados nas actuacións urbanísticas e de mobilidade”, destacou.

“No BNG temos como prioridade mellorar a habitalibilitade das vivendas baleiras que hai en Santiago antes de continuar coa ocupación extensiva de territorio, cunha actividade urbanística racional”, sinalou a candidata. “Para iso, daremos prioridade á rehabilitación e mellora de vivendas fronte á construción nova e impulsaremos o remate das que están paralizadas por mor da crise económica sobre outros desenvolvementos, para o que é necesario redireccionar o sector da construción cara á rehabilitación e á construción de vivenda de protección oficial”, afirmou.

O programa do BNG inclúe redefinir a política de axudas á rehabilitación de vivendas con maior dotación económica e maior grado de incidencia. Considera fundamental ampliar o parque de vivenda de protección pública de Santiago, especialmente a de alugueiro para persoas con menos recursos, e reclamar da Xunta de Galiza a volta ao proxecto orixinal de vivenda protexida en rexime de alugueiro na parcela de Xoán XXIII titularidade do IGVS.

Facer efectivo a declaración de concello libre de desafiuzamentos

Goretti Sanmartín destacou a necesidade de facer efectiva a declaración de Santiago como concello libre de desafiuzamentos, ademais de garantir aloxamentos alternativos para as persoas afectadas. Iso debe ir acompañado de adquirir novas vivendas sociais para facer fronte a situacións de emerxencia, xunto con negociar coas entidades financeiras a cesión de vivendas para facer fronte a situacións de emerxencia social.