ELECCIÓNS

Goretti Sanmartín e Navia Rivas presentan os “Cafés co BNG” para contrastar propostas e chegar a cada barrio compostelán

Navia Rivas e Goretti Sanmartín, nos Cafés co BNG
Navia Rivas e Goretti Sanmartín, nos Cafés co BNG

“Ese boca a boca é o que sempre lle funcionou ben ao BNG, nas distancias curtas é onde a xente ve a solidez do noso proxecto e a coherencia”, explica

Goretti Sanmartín e Navia Rivas presentan os “Cafés co BNG” para contrastar propostas e chegar a cada barrio compostelán

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2019.- A candidata do BNG á Alcaldía, Goretti Sanmartín, presentou a iniciativa dos “Cafés co BNG” para favorecer a participación social na campaña con este formato de contacto directo que serve para intercambiar propostas para o programa e chegar a cada sector e a cada barrio de Santiago de Compostela. O primeiro será con comerciantes, aos que seguirán co ámbito da cultura, mocidade e mulleres, entre outros. As persoas interesadas en participar poden contactar coa organización no correo santiagodecompostela@bng.gal

No acto de presentación estiveron as persoas que encabezan a candidatura; Lois Calvelo, Pilar Lueiro e Navia Rivas, quen destacou a reformulación dos “Cafés para 5” de anteriores campañas do BNG de Santiago “para facela máis sistemática, organizada e durante máis tempo, pois comezará xa esta semana” cun café para comerciantes.

“O obxectivo é termos contacto coa veciñanza, tanto con simpatizantes como con veciños e veciñas de Santiago para presentarmos dunha maneira máis cómoda o programa e recoller ideas e propostas para que sexa o máis participativo e aberto posíbel”, explicou Navia Rivas. Ademais de Goretti Sanmartín, irán outras persoas da candidatura, coa intención de chegar ao maior número de xente posíbel, mediante encontros informais cun foco especial na xente moza e nas persoas indecisas con respecto a quen votarán o 26 de maio, engadiu.

Pola súa parte, Goretti Sanmartín afirmou que así “o BNG pensa en fuxir de argumentarios, cun formato de distensión, de poder mirar a xente aos ollos, de falar con calma e poder escoitar, con espazos suficientes para trasladar o que foi o traballo do BNG desde o Concello na oposición, onde sempre puxo por diante os intereses da veciñanza, mais tamén desde o Goberno con anterioridade onde tiveron propostas audaces, atrevidas e vangardistas que foron referentes en políticas de rehabilitación urbanística, en temas ambientais, culturais e de participación veciñal”.

Deste xeito, quere explicar neste formato “o que en campaña o tempo non dá para dar a coñecer ideas, a plasmación en cada barrio e a repercusión de tal medida na túa parroquia”. “Ese boca a boca é o que sempre lle funcionou ben ao BNG, nas distancias curtas é onde a xente ve a solidez do noso proxecto e a coherencia, ademais servir para recoller as iniciativas que traian para o programa, que debe ser aberto e en construción, sempre en diálogo coa veciñanza”, afirmou.

Segundo avanzou, van ser tres meses e medio “moi intensos de intercambiar propostas para chegar a centos de persoas que tamén van funcionar de altofalantes das iniciativas do BNG, pois o traballo serio configúrase no día a día e o traballo electoral son os catro anos que van dunha elección a outra”.