PLENO

Goretti Sanmartín presentará no Pleno unha batería de medidas para a prevención da violencia de xénero

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Reclama a elaboración dun estudo para coñecer as causas

Goretti Sanmartín presentará no Pleno unha batería de medidas para a prevención da violencia de xénero

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2019.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, presentou en rolda de prensa unha moción, con motivo do 25 de novembro, para pór en marcha desde distintas administracións “medidas para a prevención da violencia de xénero e, concretamente, dos delitos e agresións sexuais que se producen onde existe un importante incremento de denuncias e de perfís de xente nova e reincidente”.

Goretti Sanmartín considera que igual que “a violencia de xénero pasou de ser un aspecto do ámbito privado a ser público e social, hai que dar un salto para conseguir que pase o mesmo cos delitos e agresións sexuais”.

En Santiago de Compostela, nos datos do Ministerio de Interior do primeiro semestre de 2019 víase un incremento importante dos delitos de violencia sexual a respecto do mesmo período do ano anterior. Ademais, no informe comarcal elaborado pola Deputación da Coruña do proxecto “Compartimos Plan” destácase Santiago de Compostela cun alto índice de violencia sexual. Na enquisa realizada á poboación, observouse que as mulleres da comarca de Santiago e da Coruña son as que presentan un dos índices máis altos de violencia sexual a respecto da media. “Habería que saber se é porque hai maior conciencia nas áreas arredor das cidades e realmente hai que poñerse a traballar desde as distintas administracións” para a súa prevención, explicou a portavoz municipal nacionalista.

“Queremos que o Concello de Santiago se implique na elaboración dunha campaña informativa para coñecer os recursos e ferramentas para combater a violencia machista como poden ser o CIM e o teléfono 016 a disposición para o asesoramento diante de agresións sexuais”, sinalou. Outra campaña debe ir destinada á sensibilización para explicar os perigos dos contactos e interactuación a través das redes sociais, os pasos a dar e os protocolos de actuación en caso de acoso ou pederastia, en colaboración cos centros de ensino e asociacións. Ademais, reclamou xornadas de formación para ámbitos sanitarios, policiais, administrativos e xurídicos, mais tamén destinadas a colectivos concienciados que difundan as maneiras de reclamar dereitos e de actuación ante as agresións sexuais.

“Mais hai outras accións que non lle corresponden ao Concello de Santiago, que debe instar o Goberno do Estado ou a Xunta de Galiza para facer un estudo para coñecer as causas da violencia de xénero”, explicou, e a poñer en marcha un protocolo de actuación fronte ás agresións sexuais, ademais de rendibilizar todos os instrumentos que existen na actualidade para combater a violencia de xénero. Neste sentido, reclámase que se incrementen recursos como a atención psicolóxica 24 horas e máis psicólog@s forenses para poder prestar este servizo de xeito acaído.

Considera tamén que debe existir un modelo educativo distinto, para o que o BNG propón o impulso dun Plan galego de educación sexual e afectividade para todos os niveis de ensino para a prevención da violencia sexual e sensibilización da mocidade, en colaboración coa comunidade educativa e con profesionais da sexoloxía e da saúde emocional, co obxectivo de incorporar contidos transversais no currículo escolar para superar, entre outras cuestións, a preeminencia da pornografía como referente formativo cada vez máis entre a xente moza.

Reclama, así mesmo, que se faga unha campaña específica e que se garanta a asistencia xurídica gratuíta para vítimas de violencia de xénero e que se incorporen as vítimas de agresións sexuais. Outro dos aspectos necesarios é que se realicen as modificacións legais oportunas para que os delitos de agresión sexual sexan xudicialmente recoñecidos como delitos públicos e que, polo tanto, requiran a actuación de oficio, independentemente de existir denuncia ou retirala por parte da vítima e que o proceso xudicial teña continuidade.