PLENO

Goretti Sanmartín propón declarar Filla Predilecta e darlle o nome da actriz Pilar Pereira Carballo a unha rúa de Santiago de Compostela

Pilar Pereira
Pilar Pereira

Era veciña da rúa da Troia e exerceu unha intensa traxectoria no teatro e no sector audiovisual

Goretti Sanmartín propón declarar Filla Predilecta e darlle o nome da actriz Pilar Pereira Carballo a unha rúa de Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2020.- A portavoz do BNG no Concello de Santiago, Goretti Sanmartín, tras o falecemento da actriz Pilar Pereira Carballo, trasladoulle aos demais portavoces municipais a proposta de realizar unha declaración institucional para levar á Comisión de Títulos, Honras e Condecoracións a petición de dedicarlle unha rúa, nomeala Filla Predilecta da cidade e organizar algún evento cultural na súa memoria.

Pilar Pereira, que foi soterrada na tarde do sábado, era veciña da rúa da Troia e exerceu unha intensa traxectoria no teatro e no sector audiovisual. Segundo explicou Goretti Sanmartín en rolda de prensa, Pilar Pereira era “unha picheleira de toda a vida, que sempre presumiu de ser picheleira aquí e fóra onde viviu moito tempo”.

“Queremos solicitar que na próxima Comisión de Títulos, Honras e Condecoracións vaia unha proposta de recoñecemento para lle dar o nome de Pilar Pereira a unha rúa e contribuír así á feminización do rueiro, tamén o recoñecemento como Filla Predilecta da cidade, ademais de mirar un evento cultural que poida levar a súa denominación para a súa lembranza”, engadiu a portavoz nacionalista en Raxoi.

Pilar Pereira é unha persoa referente no mundo da arte dramática e para moitas mulleres de Santiago de Compostela “porque quixo exercer a vida en liberdade e reivindicou sempre a creación artística desde moi nova, foi unha pioneira e seguiu até os últimos tempos” con esta dedicación.