MEMORIA HISTÓRICA

Goretti Sanmartín propón instalar unha nova placa nas “Marías” que contribúa a difundir a memoria histórica

Maruxa e Coralia
Maruxa e Coralia

“Non pode ser que un dos lugares máis fotografados se converta nun lugar de extravagancia e non se informe da dura historia que sufriron”, sinalou

Goretti Sanmartín propón instalar unha nova placa nas “Marías” que contribúa a difundir a memoria histórica

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2018.- A concelleira Goretti Sanmartín Rei propón que se instale unha nova placa informativa onda a estatua de Maruxa e Coralia, “As Marías” que explique a historia de represión que padeceron, pois a actual non é lexíbel “e a xente que nos visita pensa que son personaxes de banda deseñada”. Ese panel debe contribuír a difundir a recuperación da memoria histórica ao ser un dos lugares que atrae numerosas visitas na alameda de Compostela.

A placa actual está situada no chan, practicamente invisíbel, explicou “e a xente case non se fixa nela, pon os pés enriba para tirar as fotografías, ademais de estar borradas as letras vermellas e ser moi pequenas”. “É unha placa que permanece invisibilizada cando tiña que servir para que a xente saiba quen foron as dúas Marías e a súa historia de represión política, con ideoloxía de esquerdas e vinculada ao anarquismo, e todo o que significou a súa loita de aldraxes, torturas e posíbeis violacións; unha historia que fixo que tomasen esa actitude defensiva de saír á rúa para mostraren as súas cores nunha Galiza e Santiago de Compostela gris naquela etapa tan dramática da nosa historia recente”, sinalou.

O BNG xa hai un ano que rexistrou un rogo para que se instalase unha placa informativa en condicións de visibilidade, pois a actual non é lexíbel, e reclamou que os contidos incluísen ben a historia de Maruxa e de Coralia. “Entendemos que agora que imos para o ‘mes da memoria’ está moi ben vestir de novo as Marías, mais que a xente que visita Compostela pode confundir con personaxes de banda deseñada ao carecer de información sobre a súa traxectoria”, indicou. “Non pode ser que un dos lugares máis fotografados se converta nun lugar de extravagancia e non se informe da dura e dramática historia que sufriron”, explicou.

“A instalación dunha placa informativa é de xustiza coa memoria histórica, coa memoria da cidade e coas propias Marías, para incrementar o seu coñecemento tanto na poboación galega como da que nos visita”, afirmou a concelleira nacionalista.

Paneis e aplicación da ORA que exclúen o galego

Referiuse tamén Goretti Sanmartín aos paneis de publicidade situados nos parquímetros da ORA e á nova aplicación para facer o pagamento, que entrou en funcionamento o venres pasado co proceso de municipalización do servizo, que están só en castelán. “Entendemos que é un erro que hai que corrixir de maneira inmediata para que estea dispoñíbel en galego”, afirmou. Dende setembro de 2015 “houbo tempo máis que suficiente para facer que todo o referido á ORA estivese cunha planificación mellor que a actual”, dixo.

Lembrou tamén que o sistema polo que aposta o BNG é un sistema de vehículos rotatorio e gratuíto, que funciona ben noutras vilas e cidades do país.