PLENO

Goretti Sanmartín propón que se melloren os accesos e sinalización ao petróglifo do Castriño de Conxo

Acceso ao petróglifo
Acceso ao petróglifo

É un ben de interese cultural que o Concello ten que preservar, sinalizar, difundir e manter limpa a contorna

Goretti Sanmartín propón que se melloren os accesos e sinalización ao petróglifo do Castriño de Conxo

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2018.- A concelleira Goretti Sanmartín presentou unha iniciativa, que defenderá no vindeiro Pleno, para mellorar os accesos e a sinalización ao petróglifo do Castriño de Conxo.

“A non ser que saibas cal é o camiño, é imposíbel chegar porque está cheo de fentos e de silvas”, explicou, “cando é unha das xoias da prehistoria que vai formar parte do parque de arte rupestre que se vai desenvolver en colaboración entre os concellos de Santiago e Ames coa Deputación da Coruña”.

Este petróglifo é un ben de interese cultural que o Concello ten que preservar, sinalizar e manter limpa a contorna, ademais de facer o posíbel para a súa difusión e posta en valor. “Se queremos que as persoas de Compostela e as visitantes non anden só por dúas rúas e coñezan o seu patrimonio ten que estar ben sinalizado desde a rúa Volta do Castro”, advertiu.

Trátase dunha laxe de grandes dimensións situada na croa dun castro, onde se poden observar de maneira nítida figuras como ídolos antropomorfos, espadas, estandartes, puñais e alabardas, sinalou. Reclamou tamén que se inclúa a visita ao petróglifo de Conxo na programación de visitas escolares regulares do propio Concello de Santiago.

Goretti Sanmartín referiuse ademais ao Castelo da Rocha que, pese á intervención pendente de realizar cos fondos EDUSI, ten “unha falta clara de sinalización para acceder e para informar dos restos arqueolóxicos”. Explicou que se interromperon as visitas guiadas e non hai labores de mantemento constantes, “mais alá de rozar a vexetación nos días previos a cando se vai facer un evento”.

Para o BNG, é necesaria a promoción e a divulgación do patrimonio, ademais de descentralizar a oferta cultural e histórica para veciñanza e visitantes. Ao fío disto, sinalou que a formación nacionalista recibiu queixas da diminución da programación de actividades da rede de centros socioculturais, nestes lugares de encontro e convivio de persoas de distintas xeracións repartidos polos distintos barrios e parroquias. “O centro do Romaño, tanto en xornada de mañá como de tarde, está sistematicamente baleiro, sen vida, e precísase dotalo de actividade para evitar que acabe como un contedor baleiro cando se fixo un investimento importante”, sinalou.