PLENO

Goretti Sanmartín propón recuperar o Consello municipal das mulleres en Santiago de Compostela

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
Presenta unha moción do 8M con medidas para loitar contra a pobreza feminina, reducir a precariedade laboral e fomentar a conciliación, cun control das empresas concesionarias de servizos municipais
Goretti Sanmartín propón recuperar o Consello municipal das mulleres en Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2023.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, presentou unha moción sobre o 8 de marzo, Día internacional das mulleres, para loitar contra a pobreza feminina, reducir a precariedade laboral, esixir que as empresas concesionarias de servizos cumpran os pregos e os contratos en materia de conciliación e, ademais, fomentar a participación social coa recuperación do Consello municipal das mulleres.

Na rolda de prensa fixo un chamamento á mobilización contra o asasinato de Beatriz Lijó, a primeira vítima mortal galega neste 2023 por violencia de xénero. Así, enviou en nome do BNG a “solidariedade, afecto e ánimo á familia e amizades de Beatriz”, ademais de convocar para que as rúas se enchan de xente ás 8 da tarde na praza 8 de Marzo en repulsa e indignación por este asasinato. Desde 2010 son 69 as mulleres asasinadas en Galiza “e como BNG esiximos sempre que a Lei galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero sexa efectiva con recursos suficientes e cun compromiso real para acabar co terrorismo machista”.

“Ao PP hai que esixirlle que sexa máis efectivo coa dotación de medios e recursos económicos e non facer campañas que son un desprestixio e un atentado contra a dignidade das mulleres”, indicou. Lembrou nese sentido a campaña de igualdade da Xunta que empregou o lema “Non debería pasar pero pasa” e a nova polémica polo contido misóxino da do 14 de febreiro.

O BNG esixiulle ao Goberno local de Santiago, no mes de novembro, que houbese un incremento de recursos para o Centro de Información das Mulleres (CIM) e unha dotación dunha avogada e dun axente de igualdade a tempo completo. Reclamou tamén medidas específicas “para combater a precariedade laboral, pois non valen declaracións ao aire, bonitas, que quedan estupendamente nos días próximos ao 8M”. En concreto, sinalou a necesidade de controlar as empresas concesionarias de servizos como no acontecido coas traballadoras do SAF para que poidan cobrar o incremento do IPC, solucionar os problemas de zonificación e o cumprimento de horarios, como foi aprobado en Pleno de xaneiro nunha moción do BNG.

Referiuse á fenda de xénero en emprego, “se collemos os datos de paro de xaneiro de 2022, vemos que había 2782 mulleres e 2246 homes, un ano despois cuantitativamente redúcese o paro mais a descompensación de xénero está nas mesmas porcentaxes, pois en 2023 hai 2501 mulleres e 2083 homes”. Por tanto, unha redución de paro con políticas que non son adecuadas, non levan a reducir a porcentaxe de paro feminino que continúa incrementándose e dando lugar a esa esfera de precariedade laboral e feminización da pobreza.

O BNG reclama que se incorporen cláusulas sociais na contratación pública, non só para contratar mulleres, tamén para favorecer a contratación de empresas que destaquen por desenvolver políticas a favor da igualdade e da conciliación. Puxo como exemplo que no último prego de recollida e tratamento de lixo aparecían medidas de conciliación que hai que implementar “mais vemos que isto non se está a cumprir, pois unha traballadora de Urbaser denunciou recentemente que a empresa lle denegou unha mudanza horaria por causa de conciliación”. Así, “reclamamos que exista un control das concesionarias e que o que figura nos pregos e no contrato que se cumpra”, advertiu.

Na moción tamén se inclúe un plan de loita contra a pobreza feminina, que empeza por combater a precariedade laboral e con cifras de exclusión que son moi elevadas nos fogares monoparentais, formados maioritariamente por mulleres, e que chegan ao 54%. Polos datos da Rede contra a pobreza, en Galiza se incrementou a pobreza severa nas mulleres, que chega ao 9%. “Cómpre un plan específico feito desde o Concello, para incluír nas disposicións de subvencións que se favorezan que eses fogares monoparentais e para que as mulleres traballadoras poidan reducir as fendas de paro e de salario”, engadiu.

Goretti Sanmartín comprometeuse a recuperar o Consello municipal das mulleres, creado a instancias da concelleira de Igualdade Encarna Otero, que se aprobou o 27 de xullo do ano 2000, “mais pasou un longuísimo período que non foi convocado”. Contén un regulamento con reunións de traballo que atende cuestións “que 20 anos despois seguen sendo centrais sobre formación, emprego e relacións laborais; violencia de xénero e imaxe social; saúde e sexualidade; atención social e reparto de responsabilidades; cultura e educación”, explicou.

 

 

 

Goretti Sanmartín propón recuperar o Consello municipal das mulleres en Santiago de Compostela