PLENO

Goretti Sanmartín reclámalle ao alcalde que convoque os consellos de participación cidadá

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
O BNG traslada unha moción ao vindeiro Pleno para que se activen antes de final de ano, por mor dos problemas de Educación e Sanidade
Goretti Sanmartín reclámalle ao alcalde que convoque os consellos de participación cidadá

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2019.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, reclámalle ao alcalde que active, antes de final de ano, os Consellos de Participación Cidadá, a comezar polos de Educación e de Saúde, para implicar a veciñanza e colectivos nas decisións e con criterios de actuación nos ámbitos de referencia para Santiago de Compostela.

“Ante os problemas xurdidos nos últimos meses, foron diversos colectivos os que reclamaron, logo do cambio de Corporación, a constitución e convocatoria urxente dos Consellos de Educación e de Saúde, algo que desde o Goberno local se dixo que se ía facer, ademais do compromiso expresado de crear o Consello do Rural”, explicou Goretti Sanmartín.

O Concello de Santiago de Compostela foi punteiro en políticas de participación cidadá coa creación do Regulamento de Participación Cidadá, do Consello Económico e Social e do Consello de Relacións Veciñais.

Foi no período 1999 e 2003 cando se impulsou, baixo responsabilidade do BNG nesta área, a creación de seis consellos de participación (Muller, Mocidade, Medio Ambiente, Normalización Lingüística, Educación e Saúde). No mandato 2003-2008 incorporáronse seis máis (Servizos Sociais, Deportes, Migracións, Compostela Cultura, Centros Socioculturais e Maiores). No período 2015-2019 puxéronse en funcionamento o Consello de Relacións Veciñais, o Consello de Saúde e o de Medio Ambiente e a maiores creouse un novo, o de Cooperación e Solidariedade, e mantiveron a Mesa do Comercio e o de Turismo. No primeiro semestre deste mandato 2019-2023 aínda non se convocou ningún deles.

Deste xeito, coa posta en marcha dos consellos de participación que se configuran como órganos permanentes de asesoramento, consulta, proposta, información, comunicación e debate, contribúese a facilitar o seguimento da actividade sectorial de cada ámbito municipal, sinalou.

Estes consellos serven tamén de canle de participación e diálogo de interlocutores sociais no desenvolvemento das políticas para procurar acordos e propoñerlles aos órganos municipais competentes criterios de actuación. Así, teñen capacidade para emitir informes, por iniciativa propia ou do Concello, sobre materias das súa competencia; ademais de formular propostas e suxestións en relación co funcionamento dos servizos e organismos públicos municipais correspondentes, entre outras funcións.