MOBILIDADE

Limpeza, melloras no pavimento e medidas para o calmado do tráfico na contorna dos Pelamios e Xoán XXIII

Alcorques con vexetación
Alcorques con vexetación

Faise necesaria a instalación de lombos para a redución da velocidade dos coches na rúa Morón, segundo reclama a veciñanza

Limpeza, melloras no pavimento e medidas para o calmado do tráfico na contorna dos Pelamios e Xoán XXIII

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2017.- O grupo municipal do BNG recibiu queixas da veciñanza dos Pelamios e de Xoán XXIII polo descoidado aspecto debido á falta de mantemento no relativo á eliminación de vexetación dos alcorques, lousas levantadas nas beirarrúas, bordos coas esquinas rotas, sucidade e fochancas.

Un gran furado no asfalto mesmo fai tocar o baixo dos coches co chan no cruce de baixada entre a Costa Nova de Arriba e Xoán XXIII e o mal estado de conservación do pavimento tamén lles afecta aos vehículos que van pola rúa dos Castiñeiriños, rúa do Morón e rúa dos Pelamios, así como aos que rodean a biblioteca Ánxel Casal para subiren á Costa Vella.

Faise necesaria tamén a instalación de lombos para a redución da velocidade dos coches na rúa Morón, ou algunha outra medida destinada ao calmado do tráfico, segundo require a veciñanza.

Deste xeito, o BNG levará unha iniciativa ao Pleno da vindeira semana para que o Concello de Santiago de Compostela proceda, de urxencia, ao arranxo destas zonas danadas para mellorar a calidade de vida das persoas que viven e transitan por Xoán XXIII e Os Pelamios.