PLENO

O BNG propón que o Concello de Santiago se sume ao Programa de Recollida de Plástico Agrícola

Estes materiais adoitan ser incinerados ou abandonados en lugares inadecuados, o que representa un problema de contaminación ambiental

O BNG propón que o Concello de Santiago se sume ao Programa de Recollida de Plástico Agrícola

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2017.- O grupo municipal do BNG presentou unha moción para que o Concello de Santiago se sume ao Programa de Recollida de Plástico Agrícola e para realizar unha campaña informativa no rural co fin de facilitar o depósito destes residuos no punto que se determine.

En Galiza xéranse anualmente 7.700 toneladas de plástico agrícola, onde destacan fundamentalmente as bolsas de silo e os invernadoiros, segundo datos da Xunta. Nos lugares onde non se facilita un punto de recollida, estes materiais adoitan ser incinerados de xeito incontrolado, o que representa un problema de contaminación ambiental, cando non son abandonados en lugares inadecuados, co impacto paisaxístico que supón.

A Xunta dispón dun Programa de Recollida de Plástico Agrícola para facilitarlle a labregos e labregas a xestión axeitada destes elementos, de xeito que depositan os seus plásticos agrícolas no punto indicado por cada concello para a súa recollida e posterior retirada por parte da empresa que xestiona este servizo. Estes residuos plásticos lixeiros e non perigosos sométense a un proceso mecánico para a súa reciclaxe e utilización como materia prima na fabricación de novos produtos plásticos.