URBANISMO

Rubén Cela advirte que vai rematar o mandato de CA sen arranxar o palacete da Finca do Espiño, que agrava a súa deterioración

Palacete da Finca do Espiño
Palacete da Finca do Espiño

Os fondos para a súa recuperación están depositados nas arcas municipais e só se poden destinar a ese fin

Rubén Cela advirte que vai rematar o mandato de CA sen arranxar o palacete da Finca do Espiño, que agrava a súa deterioración

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2018.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, advertiu do grao de deterioración que sofre o palacete modernista da Finca do Espiño perante a inacción do Goberno de Compostela Aberta, que tivo máis de 2 anos para redefinir os usos, licitar o proxecto e investir os fondos finalistas para a súa recuperación arquitectónica.

Rubén Cela sinalou que se trata dun tema “controvertido” que estivo recentemente de actualidade pola nova proposta de reordenación da mesma, mais o palacete modernista segue a deteriorarse. “O parque abriu as súas portas en 2014, durante o Goberno local do PP, despois do acordo coa promotora Layetana e de que investise 660.000 para facelo visitábel para o conxunto da veciñanza”, sinalou. Un mes máis tarde, saíu a concurso a recuperación do palacete por 1,2 millóns de euros cun prazo de execución de 12 meses. Unha vez que entra o Goberno de Compostela Aberta, realiza a adxudicación desta obra por 869.910 euros e finalmente “decidiu resolver aquel contrato coa empresa Dragados, polo que houbo que lle pagar 28.000 euros de diñeiro público por non facer nada”. Daquela o Goberno de CA dixera que prefería redefinir o proxecto para facer unha nova licitación.

En abril de 2016, o BNG trasladara unha proposición para proceder á rehabilitación deste palacete “e hai poucos meses instamos a que fose unha prioridade, daquela o grupo de Goberno contestou algo insólito: o palacete da Finca do Espiño non estaba entre as súas prioridades e que non tiñan recursos económicos para poder acometelo”, explicou. Foi unha resposta “disparatada” porque en 2011 fíxose “unha actuación de emerxencia para intentar que non caesen de todo os muros e máis cando os cartos estaban ingresados na conta do Concello porque era un diñeiro que pagaba a promotora inmobiliaria Layetana e para máis é finalista, non se pode gastar noutra cousa que non sexa restaurar ese palacete” segundo unha sentenza xudicial. “Evidentemente acabou rectificando e anunciaron nos últimos tempos que ían facer esta obra, mais sen que se produza ningún avance”, engadiu.

“Pese a que este proxecto vén herdado do PP, acabará este mandato sen a obra rematada por responsabilidade única do Goberno de CA”, destacou Rubén Cela “e cada ano que pasa hai máis zonas do edificio que chegan a un punto de non retorno para a súa recuperación”. Referiuse tamén á pretensión do traslado do Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC) a este palacete, “mais a este paso non se fará unha cousa nin a outra”.