Rubén Cela: O BNG puxo a máxima das vontades para poder chegar a un acordo conxunto da corporación"
O BNG defende que ten que ser o Pleno quen aprobe o conxunto dos puntos da organización municipal
Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2015.- O portavoz do grupo municipal do BNG de Santiago, Rubén Cela, sinalou no Pleno de Organización que un goberno en minoría non só ten a obriga de dialogar, ten a obriga de consensuar e acordar para sacar adiante os asuntos importantes e non paralizar nin ralentizar o funcionamento da institución, en referencia á falta de acordo de Compostela Aberta co resto dos grupos.
O Bloque Nacionalista Galego puxo a máxima das vontades para poder chegar a un acordo conxunto da corporación a respecto de como se debe de organizar o Concello nos vindeiros anos, explicou Rubén Cela, que acudiu ás reunións de negociación sen liñas vermellas preestabelecidas nin esixencias irrenunciábeis para o grupo en aras de facilitar un posíbel acordo.
Lembrou Rubén Cela que o BNG respectou escrupulosamente a petición de manter o contido das reunións no ámbito destas até que rematase o proceso en aras de crear un clima de confianza mutuo que facilitase o achegamento de posicións e que puxo enriba da mesa propostas e suxestións que facilitarían chegar a un acordo asumíbel por todos os grupos e que fose bo para Santiago.
Para Rubén Cela, o goberno debe ter os recursos materiais e humanos suficientes para poder acometer as súas responsabilidades de goberno, ao tempo que a oposición debe contar con recursos materiais, humanos e acceso á información suficientes para levar a cabo o seu labor de fiscalización do goberno e tamén a función propositiva.
O BNG cuestionou, ademais, que por primeira vez na historia deste Concello, CA pretenda aprobar en Xunta de Goberno, en vez de no Pleno, a fixación do número, retribucións e características do persoal eventual e o nomeamento de representantes en diferentes organismos. Tomar esa decisión política é un tremendo erro, que non cometeu nin a maioría absoluta do Partido Popular, engadiu Rubén Cela, máis tendo en conta que Compostela Aberta levaba no programa recuperar a centralidade do Pleno como órgano de decisión.
O grupo municipal do BNG requiriu no Pleno que o alcalde retirase da orde do día os puntos 3 e 4 e que convocase unha nova reunión da Xunta de Portavoces para proseguir coa negociación, posto que o prazo normativo para chegar a acordos aínda non concluíu.