PLENO

Rubén Cela: “A Conta xeral reflicte un Goberno sen modelo de cidade e continuador da política económica do PP”

Pazo de Raxoi
Pazo de Raxoi

“A modificación da ordenanza de terrazas é unha capa de verniz", afirma Goretti Sanmartín

 

 

Rubén Cela: “A Conta xeral reflicte un Goberno sen modelo de cidade e continuador da política económica do PP”

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2018.- O grupo municipal do BNG, no Pleno extraordinario para a aprobación da Conta xeral da entidade local do ano 2017 emitiu un voto de abstención para facilitar que sexa remitida ao Ministerio de Economía e Facenda, “aínda que sexa con tanta demora e, polo tanto, para poidamos recibir os fondos que lle corresponden a este Concello”, afirmou Rubén Cela.

“Esta conta xeral reflicte un Goberno sen modelo de cidade, sen modelo económico-financeiro propio para este concello, que é continuador da política económica e orzamentaria do PP”, destacou o concelleiro nacionalista.

Trátase dun Goberno local “con moitos problemas de xestión, incapaz de executar minimamente o que promete en cada orzamento”. Iso suponlle unha tripla perda, en canto a obras necesarias, postos de traballo e actividade que non se crea, ademais da imposibilidade de investir remanentes en vez de amortizar débeda e incapaz de acceder a determinado financiamento, engadiu.

Así, na súa intervención destacou “o baixo nivel de execución orzamentaria, sobre todo, no ten a ten a ver cos investimentos e transferencias”. Dos algo máis de 28 millóns de euros que tiveron para executar obras e investimentos en Santiago durante 2017, deixaron sen executar máis de 21,5 millóns de euros. É dicir, a execución do CAP VI de investimentos foi do 23,7%

Referiuse tamén a que ese escaso nivel de investimento ten consecuencias tamén en datos como o investimento por habitante, cunha evolución de 70,32 €/h (2014), 92,58 €/h (2015), 62,03 €/h (2016) e 68,19 €/h (2017). “É, tan só, un 23% do que se investía por habitante en 2010 cando Compostela facía un investimento anual por habitante de 292,28 euros”, afirmou.

Non só é baixa a execución dos investimentos, tamén o das transferencias. “Así vemos unha execución no capítulo IV, especialmente grave, por exemplo, no referido a subvencións a entidades sen ánimo de lucro. Son recursos que o Concello debería pór a disposición da cidadanía e que quedaron no peto do Concello. Difícil de entender en áreas tan sensíbeis como servizos sociais ou fomento do emprego.

Rubén Cela cualificou de “inaceptábel” o período medio de pago a provedores, pois no pasado mes de outubro chegou a ser de 87,58, é dicir a case triplicar o máximo legal.

En canto ao superávit, destacou que “non é un éxito, senón un fracaso” porque procede da falta de execución, “e este ano é dobremente gravoso xa que, nin tan sequera, puidemos destinar parte del, como noutros anos, a investimentos financeiramente sostíbeis xa que o Concello non cumpriu tampouco os seus compromisos en materia de pago a provedores, e a lei lle impide por esa mala xestión, realizar eses investimentos”. O resultado práctico é “máis pago aos bancos e menos investimento en Santiago.

O BNG abstense na modificación da ordenanza de terrazas: "É unha capa de verniz", afirma Goretti Sanmartín

Goretti Sanmartín cuestionou diversos puntos da modificación da Ordenanza reguladora de terrazas e quioscos de hostalaría no relativo a falta de melloras de accesibilidade, co que Compostela Aberta non presenta un proxecto novo "senón unha modificación parcial dalgúns aspectos para darlle á ordenanza actual unha capa de verniz", sinalou.

Ao BNG gustaríalle que esta ordenanza proxectase "que Santiago queremos, cal é o modelo que colectivamente propomos, que utilización queremos das beirarrúas e prazas, que podemos facer por mellorar un aspecto que, evidentemente, é un valor acrecentado para turistas e para veciñas de Compostela".

Na cara positiva, destacou a inclusión de propostas do propio sector como regular as terrazas interiores, dar media hora a maiores para recoller tras o remate da xornada, actualizar algúns aspectos legais como os referidos á vixencia e renovación das autorizacións. A aceptación parcial de diversas das alegacións propostas e, moi concretamente, á das asociación Hostalaría Compostela,  Asociación de bares e pubs de Compostela e asociación Cultural Cidade Vella, "sen ningunha dúbida contribúen a un texto que mellora unha ordenanza sobre a que o BNG xa realizou con anterioridade algunha proposta de modificación na propia Comisión de Urbanismo que, finalmente, tamén foi incorporada ao texto resultante".

Deste xeito, recoñeceu "o esforzo de diálogo e de consenso co sector", "mais esquivouse unha abordaxe integral” e iso desvela “falta de ambición para realizar unha mudanza de maior calado sobre a ordenanza do PP para, desta maneira, facer público o modelo de que Compostela queremos ", afirmou a portavoz municipal do BNG.