PLENO

Rubén Cela: “Cos datos do terceiro trimestre, Compostela Aberta só investiu o 7% do orzamento para obras”

Rubén Cela
Rubén Cela

“Compostela Aberta dará conta no Pleno do peor dato de execución orzamentaria da historia de Santiago de Compostela”, sinala

Rubén Cela: “Cos datos do terceiro trimestre, Compostela Aberta só investiu o 7% do orzamento para obras”

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2018.- O concelleiro do BNG de Santiago, Rubén Cela, advertiu de que “neste Pleno, Compostela Aberta dará conta do peor dato de execución do terceiro trimestre da historia de Santiago de Compostela”, con tan só o 7% gastado do orzamento previsto para obras.

Do punto de vista do grupo municipal do BNG, Compostela Aberta ten un problema “moi serio” coa xestión ordinaria no Concello e, especialmente, coa execución orzamentaria. Iso concretouse en que as liquidacións dos orzamentos evidenciaron que hai un problema grave coa execución do capítulo de investimentos reais, das obras, sinalou. En 2015, o grao de execución foi do 28%, no 2016 do 22% e no 2018 do 23% “Nestes últimos anos, de cada 100 euros que Compostela Aberta tiña para facer obras quedaron 75 sen gastar por incapacidade para facer os proxectos, sacar a licitación, executalo, recepcionar e xustificar eses investimentos”, explicou.

No Pleno ordinario deste xoves 20 de decembro van dar conta da execución do orzamento até o 30 de setembro, cunha tendencia “moi preocupante” dos últimos tres anos pois a 30 de setembro de 2016, Compostela Aberta levaba executado 49%, en 2017 o 47% e en 2018 o 41% “É o peor dato de execución do terceiro trimestre da historia de Santiago de Compostela; evidencia que o punto de partido era malo e vai a peor”, explicou, “sobre todo en relación coas obras pois en 2016 era un 8%, en 2017 era 10% e en 2018 é dun 7%, novamente é o peor dato de execución nun terceiro trimestre en materia de investimento real”.

Isto evidencia que Compostela Aberta “ten moitos problemas de xestión ordinaria en xeral e de xestión orzamentaria en particular, cunha evolución que vai a peor porque son os peores datos de execución orzamentaria do Concello de Santiago”. A esas cifras, dixo, que hai que unir as de pagamento a provedores/as. “Se en febreiro estaba en 33 días, en outubro en 88 días; cando o máximo legal permitido son 30 días, é dicir o Concello de Santiago paga peor que nunca e executa peor que nunca, que é unha combinación terríbel de número obxectivos”.