ORA

Rubén Cela insta ao Goberno local a non facer “a novena prórroga ao contrato da ORA” anulado por sentenza xudicial

ORA
ORA

Anuncia unha campaña do BNG para reclamar un modelo alternativo e gratuíto para aparcar en Santiago de Compostela

Rubén Cela insta ao Goberno local a non facer “a novena prórroga ao contrato da ORA” anulado por sentenza xudicial

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2018.- O portavoz do grupo municipal do BNG de Santiago, Rubén Cela, advertiu de que o vindeiro 31 de xaneiro remata a última “prórroga” do contrato de servizo de ORA e guindastre. Así, instou ao Goberno de Compostela Aberta a non efectuar “unha novena prórroga deste contrato anulado por sentenza xudicial”.

“Este contrato, en realidade, está rematado e resulta improrrogábel dende o 1 de xaneiro de 2017, ademais de estar anulado por sentenza xudicial dende setembro de 2015 sen dereito a prórroga”, explicou.

Así, relatou a secuencia de prórrogas realizadas a este servizo, pese a que en 2015 un xuíz conminou ao Concello a que Setex Aparki non seguise “e o feito obxectivo é que, 8 prórrogas despois e dous anos e medio despois da sentenza do TSXG que o anula, a empresa segue a prestar servizo”, indicou.

Deste xeito, o portavoz do BNG demándalle ao Concello que non haxa unha novena prórroga e non siga a aumentar a concatenación de erros. Reclamou deste xeito que se paralice o servizo de xeito inmediato, que se continúe o proceso de remunicipalización do guindastre e que se estude a serio unha proposta alternativa á ORA. Lembrou ademais que o Goberno local non respondeu as alegacións presentadas polo BNG en xuño de 2017.

Así, comprometeuse a trasladar unha batería de iniciativas en forma de preguntas e ao Pleno, ademais de emprender unha campaña a favor da gratuidade deste sistema de aparcadoiro e non ampliación a Santa Marta, Conxo e Fontiñas como ten previsto o Goberno que dirixe Martiño Noriega. Entre as preguntas figura “canto ten ingresado o Concello de Santiago en concepto de canon fixo e variábel por parte da prestadora de servizo nos exercicios 2016 e 2017”, ante a dúbida de se realizou ese pagamento a empresa ao Concello de Santiago.