PLENO

Rubén Cela lembraralle no Pleno a Compostela Aberta o plan para substituír as tubaxes con amianto aprobado en 2016

rub
rub

“Cando rompen as tubaxes obsoletas tan só se parchea a zona sen realizar cambios estruturais de mantemento da rede de abastecemento de auga potable”, advirte o concelleiro do BNG

Rubén Cela lembraralle no Pleno a Compostela Aberta o plan para substituír as tubaxes con amianto aprobado en 2016

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2018.- O concelleiro do BNG Rubén Cela defenderá no Pleno unha proposición para reiterar a necesidade de crear un inventario de instalacións con fibrocemento do noso municipio e elaborar un plan de substitución das tubaxes con este material nocivo para a saúde da rede de abastecemento da auga potable, como se aprobou en 2016 cos votos a favor de BNG, CA e PSOE e a abstención do PP.

O BNG trasladou en marzo de 2016 unha moción para elaborar un plan de substitución das tubaxes que conteñen fibrocemento da rede de abastecemento da auga potable e un compromiso de eliminación de calquera outro produto relacionado co amianto.

De acordo cos datos achegados polo Goberno local naquel Pleno, en Santiago de Compostela hai 88 quilómetros con 242 metros de tubaxe de fibrocemento con diámetros comprendidos entre os 50 e os 700 mm. Por este motivo, “xa daquela advertiamos da complexidade do problema e de que sería necesaria unha axeitada planificación e tempo para a substitución destas instalacións de fibrocemento”, explicou Rubén Cela. “Por iso pretendiamos que, para conseguir a longo prazo a eliminación deste material no noso municipio, era necesaria a curto e medio prazo a localización, a través do seu inventario, do amianto existente en Santiago de Compostela”, engadiu, pois do contrario non se tomarán as precaucións axeitadas nin se acudirá a empresas autorizadas, provocando exposicións inadvertidas e graves consecuencias na veciñanza e en traballadores por unha inadecuada xestións deses residuos perigosos.

O certo é que tres anos despois, o Goberno municipal aínda non elaborou o plan de substitución deste material nocivo para a saúde para facer con consignación orzamentaria a medio prazo, advertiu.

“Deste xeito, recíbense queixas de que cando rompen as tubaxes obsoletas tan só se parchea a zona sen realizar cambios estruturais de mantemento da rede de abastecemento de auga potable”, indicou o concelleiro do BNG.