ECONOMÍA

Rubén Cela propón modificar as ordenanzas fiscais para poder cobrarlles ás eléctricas polo uso do solo de dominio público

Foi unha iniciativa do BNG aprobada en Pleno en 2017 que non se aplicou

Rubén Cela propón modificar as ordenanzas fiscais para poder cobrarlles ás eléctricas polo uso do solo de dominio público

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2018.- O concelleiro do grupo municipal do BNG Rubén Cela reclamoulle ao Goberno de Compostela Aberta que non volva prorrogar as ordenanzas fiscais para poder incluír, entre outras, novas vías de ingresos das empresas eléctricas, tal como se acordou en Pleno de 2017 a iniciativa do BNG.

A proposición nacionalista ía encamiñada a que o Concello de Santiago procedese a facer as xestións necesarias para recadar das empresas eléctricas e de gas o importe das taxas correspondentes pola utilización de solo de dominio público para o tendido de baixa, media ou alta tensión instalada, para o que é necesario revisar as ordenanzas fiscais para incluír ese concepto nos termos dunha sentenza do Tribunal Supremo que así o avala.

Ano e medio despois non se coñece ningún tipo de xestión realizada por parte de Compostela Aberta neste sentido, explicou, pese a que concellos como Arteixo foron quen de modificar as ordenanzas para gravar as empresas distribuidoras de enerxía, ao amparo da normativa, e poderá recadar 3,5 millóns de euros anuais dos que 150.000 corresponden á taxa polo uso do solo e espazo públicos e o resto polo gravame relativo ao 1,5% da facturación da potencia distribuída. Isto convértese na segunda fonte de ingresos máis importante para esta vila coruñesa. Ademais, cobraron en concepto de atrasos 7,2 millóns de euros dende que iniciaron a tramitación para o seu cobro, coa autorización do Tribunal Supremo.

“Para o BNG é unha mágoa que o Goberno de Compostela Aberta non tramite os acordos plenarios do Concello de Santiago adoptados por unanimidade que repercuten, como neste caso, en máis ingresos públicos que se poden destinar para protección social ou outros investimentos que benefician a veciñanza”, sinalou. O incumprimento deste acordo plenario lastra a captación de recursos para o erario público, que Compostela Aberta centrou na suba do IBI e da recadación por multas.

O Tribunal Supremo avala nunha sentenza que os concellos graven as empresas eléctricas e de gas pola utilización do dominio público das súas instalacións de transporte de enerxía. Así o estabeleceu en cinco sentenzas que sentan doutrina e pechan un longo enfrontamento entre municipios e compañías, que se negaban a pagar estas taxas.

Estes fallos, contrarios a Unión Fenosa, Gas Galicia e Red Eléctrica, e con impacto directo no resto do sector, requiren que as ordenanzas fiscais inclúan unha taxa por utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local das instalacións de transporte de enerxía eléctrica, gas, auga e hidrocarburos. Ademais, valórase o solo ocupado como se esas liñas e canalizacións se tratasen de construcións a efectos de calcular a base impoñíbel da taxa.

Deste xeito, Rubén Cela demandou que os acordos plenarios “non fiquen sistematicamente en papel mollado, que Compostela Aberta non desaproveite unha oportunidade de conseguir novas vías de ingreso a través de grandes empresas que teñen beneficios multimillonarios, en troques de subir impostos á veciñanza e de incrementar a recadación por multas”.

Para iso, cómpre realizar estudos previos para elaborar a ordenanza municipal e poder aplicar a taxa para recadar ese novo imposto ás empresas eléctricas, co que terían que estar aprobadas antes do 31 de decembro.