ORZAMENTOS

Rubén Cela sinala que a liquidación é “un brinde ao sol dos Orzamentos 2017” ao deixar o Goberno de Martiño Noriega 80 de cada 100 euros sen investir

liq01
liq01

Quedou sen gastar o 65% da ordenanza Compostela + para protección social, en políticas de creación de emprego quedaron 953.000 euros sen gastar e en política de vivenda non se investiu nada dos 1.200.000 euros orzados

Rubén Cela sinala que a liquidación é “un brinde ao sol dos Orzamentos 2017” ao deixar o Goberno de Martiño Noriega 80 de cada 100 euros sen investir

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2018.- O concelleiro do BNG Rubén Cela realizou unha valoración da liquidación que reflexa “o brinde ao sol dos Orzamentos municipais de 2017” ao deixar o Goberno de Martiño Noriega 80 de cada 100 euros sen investir, cando hai carencias en Santiago de Compostela.

Non é casual que se entregue a liquidación con 5 meses de atraso, que ademais dunha falta de transparencia, de rigor e de cumprimento da normativa, ten un problema práctico porque até que non se aproba non se pode facer uso dos remanentes de tesorería do ano anterior, afirmou. “A conclusión é que o Goberno de Compostela Aberta é un pésimo xestor porque entre o que din e o que fan hai unha distancia sideral”, engadiu.

“Non vale, como fixo a concelleira María Rozas, pór o grao de execución global do Orzamento, que foi do 75% cando ese gasto total inclúe os pagamentos automáticos de nóminas, auga, luz e servizos privatizados”, dixo. O grao de execución analízase cos capítulos que dependen da acción do Goberno, son o investimento en obras e programas sociais.

No capítulo de investimentos, os resultados son “terríbeis”, afirmou. Coa suma dos capítulos VI e VII, o Concello o ano pasado tiña 30 millóns de euros para obras e “deixaron no caixón sen executar 23,5 millóns de euros”. Só executaron o 21,9% “un dato demoledor e unha foto fixa do Goberno de Compostela Aberta, porque non se explica que o Concello se endebede e queden os cartos sen gastar; é difícil de explicar que sosteñan que hai un problema estrutural no Concello coa organización de persoal e non se adopten decisións para corrixilo, coas necesidades de arranxar rúas, beirarrúas, mobiliario urbano e equipamentos”, sinalou, “cando deixan 80 euros de cada 100 sen gastar”. Ademais de ser grave “desde unha perspectiva de esquerdas” que voluntariamente renuncie a intervir na economía local mediante a contratación de obras, dixo, que significarían postos de traballo directos e indirectos.

No relativo ao gasto social, referiuse á protección social, política de vivenda e política laboral. No que vai directamente ás familias, nos capítulos IV e VII executaron un 34% do total, quedou sen gastar o 65% da ordenanza Compostela + para protección social. Na política de vivenda, había orzados 1.200.000 que quedaron integramente sen gastar; en políticas de creación de emprego quedaron 953.000 euros sen gastar, advertiu, do mesmo xeito que en protección do patrimonio artístico só se executou un 48%

No relativo ao investimento por habitante, no último ano mellorou en termo interanual (68 euros/h en 2017 e 60 euros/h en 2016)) mais é unha falsidade da realidade se non se ten conta do histórico, (292,38 euros/h en 2010, 124,74 euros/h en 2011), que duplica ou multiplica por tres os actuais, mesmo en situación de crise económica.