INSTITUCIONAL

Rubén Cela valora como “tardía” a relación de propostas que Noriega lle trasladou a Feixóo

“Esta reunión debera ser de seguimento das obras realizadas, non un encontro de primeirizos que parten de cero a final de mandato”, sinalou

Rubén Cela valora como “tardía” a relación de propostas que Noriega lle trasladou a Feixóo

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2018.- O concelleiro do grupo municipal do BNG Rubén Cela valorou como “tardía” a translación de propostas do alcalde de Santiago ao presidente da Xunta porque “parece que lle entran as présas a final de mandato para resolver o que non fixo nos últimos anos”.

Neste sentido, sinalou como “anos perdidos” para acordar o cambio de emprazamento da depuradora, impulsar as obras da intermodal e os aparcadoiros de borde que tiñan previsto tratar na reunión, porque non se percibiu un “avance real”. Con respecto á falta de acordo sobre a execución do novo aparcadoiro á beira do CHUS, sinalou Rubén Cela que “non se trata agora de pasar a pataca quente do financiamento desta obra do Concello á Xunta, nin da Xunta ao Concello; o que quere a veciñanza e as persoas usuarias son solucións”.

Na axenda non figuraron a xestión dos comedores escolares por parte da Xunta, a creación de escolas infantís, as vivendas públicas de Xoán XXIII, a construción da nova Escola Oficial de Idiomas e a ampliación do Conservatorio, o centro de saúde de Conxo, a coordinación aeroportuaria ou o parque comarcal de bombeiros.

Para o BNG, estes temas son de vital importancia e ademais contan con acordos plenarios “que tanto Martiño Noriega como Núñez Feixóo esqueceron”, cando son reclamacións da veciñanza. Tampouco trasladou ningunha obra nova nin un plan de emprego para atallar a emigración xuvenil, o que revela “a escasa iniciativa” de Compostela Aberta.

O resultado desta reunión foi, polo tanto, “extemporáneo” porque debía ser un encontro de seguimento das obras postas en marcha neste período “mais parece un encontro de primeirizos que parten de cero neste final de mandato”.