ELECCIÓNS

“Santiago merece máis” será o lema da candidatura aprobada na asemblea do BNG

Asemblea local
Asemblea local

A lista está integrada por representantes de todos os ámbitos do tecido asociativo de Santiago de Compostela

“Santiago merece máis” será o lema da candidatura aprobada na asemblea do BNG

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2019.- O BNG de Santiago aprobou en asemblea a candidatura para as eleccións municipais do 26 de maio que encabeza Goretti Sanmartín Rei. “Santiago merece máis” será o lema desta campaña que procura un novo modelo de cidade onde o feminismo, protección do medio e creación de emprego serán políticas transversais, ademais de que debe recuperar peso político, participación veciñal e cultural.

A listaxe iníciase con dúas mulleres Goretti Sanmartín e Navia Rivas, seguen representantes de asociacións veciñais como Lois Calvelo, Pilar Lueiro e Xosé Quintáns, do ámbito educativo Esther Martínez (independente), cooperativo Henrique González (independente), universitario Margarita Ledo (independente), hosteleiro Salvador Martí, de asociacións culturais Lucía Carreira, ecoloxistas Fins Eirexas e animalistas Isabelle Kerdudo, preferentistas Xesús Domínguez, sindicalismo Helena Maio, movementos sociais Xandre Garrido, música Patricia Gamallo (independente), sindicalismo Xan Bello, música Tereixa Novo, movemento estudantil Manuel Arca, ensinante Sira Vidal, músico Xan Ferrás, activismo feminista Sabela Mouriz (independente), ensinante Xerardo Roca, universidade e movementos sociais Lourdes Sexto e pecha o economista Rubén Cela, que foi portavoz municipal de 2011 a 2018.

Na asemblea, Goretti Sanmartín explicou que o BNG ten un proxecto de país desde os concellos con propostas audaces, transformadoras e proactivas. Sinalou que non vai haber un escenario de maiorías absolutas e o BNG vai ser unha forza determinante pola súa capacidade de chegar a acordos e de poñer sempre por riba de todo os intereses da veciñanza.

Santiago merece máis do que tivo estes últimos 8 anos, que foron un tempo retroceso e de parálise; Santiago merece abrir un tempo novo coas ideas claras para traballar, engadiu a candidata á Alcaldía.