XULGADOS

O BNG pedirá explicacións no Parlamento pola discriminación de Santiago no reparto das novas salas xudiciais

Colapso no Xulgado.
Colapso no Xulgado.

Os datos que evidencian o colapso que padece o xulgado do social de Santiago de Compostela fan que sexa prioridade ampliar o número de salas

O BNG pedirá explicacións no Parlamento pola discriminación de Santiago no reparto das novas salas xudiciais

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2016.- O grupo municipal do BNG considera unha decisión inxusta, que afonda na perda de peso de Santiago como capital de Galiza, o acordo da Xunta e do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza para crear cinco novas salas xudiciais en 2017, posto que o reparto non está avalado por criterios obxectivos e obvia o colapso existente en Compostela. Rubén Cela anunciou que o BNG trasladará unha iniciativa ao Parlamento galego para coñecer os criterios de discriminación de Santiago de Compostela na ampliación da planta xudicial.

“Non discutimos que fan falta xulgados na Coruña, en Ourense e en Vigo, mais os datos que evidencian o colapso que padece o xulgado do social de Santiago de Compostela fan que sexa prioridade ampliar o número de salas”, explicou.

“Nun contexto económico como o actual, a administración debera ser sensíbel para dotar dun novo xulgado do social que atende temas relacionados co emprego como incapacidades laborais e despedimentos”, engadiu.

Ademais desta reivindicación, o BNG considera que Santiago de Compostela tamén necesita outros xulgados de familia e contencioso-administrativo.