PLENO

O BNG demanda que se arranxen as pasarelas con travesas rotas do Camiño de Santiago

Pasarela
Pasarela

Débese revisar a sinalética, a conservación do patrimonio artístico e etnográfico, o rozado e limpeza dos viais e a accesibilidade

O BNG demanda que se arranxen as pasarelas con travesas rotas do Camiño de Santiago

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2016.- O grupo municipal do BNG traslada ao vindeiro Pleno unha iniciativa destinada a elaborar un plan de actuación do Camiño de Santiago nos ámbitos que sexan competencia municipal e, en concreto, para realizar as xestións oportunas para revisar, de urxencia, os trazados no territorio do concello e acometer as reparacións que sexan necesarias, especialmente nos tramos de pasarelas de madeira que teñen táboas soltas e supoñen un potencial perigo de caída e lesión para os milleiros de persoas que transitan por elas e deterioran a imaxe de chegada a Compostela.

O Camiño de Santiago atrae milleiros visitantes á nosa cidade, polo que cómpre manter en boas condicións os seus trazados. O grupo municipal do BNG recibiu queixas do mal estado de conservación de dúas pasarelas de madeira na baixada do Monte do Gozo á entrada de Santiago de Compostela, unha delas mesmo vai sobre a autoestrada e as vías ferroviarias, que teñen as travesas rotas e deprendidas.

“Este ano está a ser especialmente bo no que se refire a afluencia de peregrinos e peregrinas”, explicou Rubén Cela en rolda de prensa, “os datos de setembro revelan que foi espectacular nese sentido con 9 puntos por riba do 2010 e nun mes superouse a cifra de 40.000 peregrinos”. Porén, ese aumento de persoas que nos visitan non leva parello unha maior atención ao coidado, conservación e potenciación dos diferentes itinerarios do Camiño de Santiago nos tramos finais.

Para o BNG, resulta “imprescindíbel” facer unha diagnose actualizada dos camiños de Santiago no territorio municipal, “no relativo á sinalética, á conservación do patrimonio artístico e etnográfico, ao rozado e limpeza dos viais e en materia de accesibilidade”.

Hai unha competencia compartida por parte da Xunta e do Concello de Santiago, por iso ademais da diagnose urxe realizar estas actuacións. “Hai parafusos de gran tamaño ao aire, travesas soltas que se moven ao pisar e falta de baldas que supoñen un perigo importante para calquera viandante”, describiu o portavoz municipal. “É unha imaxe patética a que atopan as persoas que nos visitan á chegada a Compostela e, ademais, entraña un perigo de caída e lesión para que transita por estas pasarelas, sobre todo en grupos grandes, de noite ou con chuvia”, engadiu.