Máis contundencia para atallar os problemas estruturais que puideron causar o accidente de Angrois

Máis contundencia para atallar os problemas estruturais que puideron causar o accidente de Angrois

A reparación para as vítimas, familias e amizades “nunca vai ser unha medalla ou unha homenaxe”, senón depurar as responsabilidades e adoptar as medidas de seguridade necesarias para que un accidente así non volva repetirse

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, realizou unha avaliación dos seis primeiros meses transcorridos dende a traxedia de Angrois e demandoulle ao alcalde maior contundencia para atallar os problemas estruturais que puideron causar o accidente ferroviario.

Para o BNG, hai tres cuestións fundamentais que non se cumpriron: concluír as investigacións tanto no ámbito xudicial como no técnico, depurar todas as responsabilidades técnicas e políticas “caia quen caia” e resolver os problemas de seguridade existentes para evitar que unha traxedia así poida volver producirse, explicou Rubén Cela.

Cuestionou, ademais, “a falta de contundencia e de esixencia do alcalde de Santiago a respecto ao Ministerio de Fomento, Adif e Renfe de cara a buscar unha solución definitiva aos problemas estruturais” que provocaron o accidente ferroviario de Angrois. “Seis meses despois non se adoptaron medidas efectivas e ninguén, máis alá do maquinista, asumiron responsabilidades por esta traxedia”, indicou.

Non é explicábel que o PP e o PSOE non permitan abrir todas as vías de investigación, incluídas as comisións de investigación no Parlamento de Galiza e no Congreso dos Deputados, “porque o mínimo que se lle debe ás vítimas e ás familias é respecto, que se busque a verdade e se depuren as responsabilidades e adopten as solucións necesarias, incluída a promesa do ERTMS en todo o trazado de Compostela”.

“A reparación para as vítimas, familias e amizades nunca vai ser unha medalla ou unha homenaxe, vai ser coñecer a verdade, saber que vai pagar quen permitiu que isto pasase e que se van tomar as medidas necesarias para que non volvamos vivir unha traxedia semellante”, concluíu.

Máis contundencia para atallar os problemas estruturais que puideron causar o accidente de Angrois