Rubén Cela destaca que a EPA alerta do alto número de fogares con todos os membros en paro

Rubén Cela destaca que a EPA alerta do alto número de fogares con todos os membros en paro

“Só se van poder mudar as cousas se hai un xiro de 180 graos nas políticas económicas e laborais”

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, analizou os datos da última Enquisa de Poboación Activa no que atinxe a Compostela e sinalou o incremento do elevado número de fogares de Santiago con todos os membros activos en situación de desemprego e sen ingresos.

A letra pequena da EPA sinala que, a pesar de que se reduciu en 7 puntos a taxa de paro en Santiago de Compostela, o pouco traballo que se crea é temporal e tremendamente precario e vinculado ao sector servizos. A media do paro en 2013 situouse no 21,8%, dous puntos máis que en 2012.

A isto hai que engadir que hai moitas persoas que non computan nesta enquisa ben porque emigraron, porque están ampliando de xeito artificioso a súa formación por non atoparen un posto de traballo ou porque xa tiraron a toalla e non renovan a tarxeta do paro ao esgotaren a prestación, indicou Rubén Cela.

As estatísticas medran tamén en canto ao número de fogares con todos os seus membros en paro ou sen ingresos “que conducen a unhas cifras de pobreza e de exclusión social como nunca se viviron na etapa contemporánea na nosa cidade”.

“Se a Feijóo lle parecían preocupantes os datos da EPA para Galiza, o preocupante é que o PP se empece a preocupar agora porque é evidente que é algo que se vía vir e que só se van poder mudar as cousas se hai un xiro de 180 graos nas políticas económicas e laborais que, en gran medida, son as que nos trouxeron até esta situación”, sinalou

Rubén Cela destaca que a EPA alerta do alto número de fogares con todos os membros en paro