Imprimir

O BNG amosa na praza do Obradoiro imaxes con irregularidades no vertedoiro de Grixoa

bngsantiago | 05 de Xuño de 2017

Acto simbólico do Día Mundial do Medio Ambiente
Acto simbólico do Día Mundial do Medio Ambiente

Realizou unha acción simbólica no Día Mundial do Medio Ambiente

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2017.- Con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, o BNG saíu á praza do Obradoiro para dar a coñecer a situación do vertedoiro de Grixoa, na canteira de Miramontes. Unha ducia de persoas exhibiu imaxes de posíbeis irregularidades detectadas no vertedoiro sobre a normativa ambiental e as autorizacións concedidas.

Segundo explicou Rubén Cela en declaracións a xornalistas, trátase dunha acción simbólica para visualizar “que temos un problema descoñecido para a veciñanza que está a tan só 7 quilómetros desta praza do Obradoiro”. O BNG vai levar unha serie de iniciativas ao Pleno do Concello, Parlamento galego e Parlamento europeo porque é un problema da veciñanza de Santiago e tamén para o conxunto do país, dos galegos e das galegas.

“Este é un vertedoiro que inicialmente estaba destinado a residuos sólidos non contaminantes procedentes da propia canteira e do ámbito da construción e, polo tanto, non tiña problema pois cumpría a autorización para tapar o furado que deixa a canteira e intentar rehabilitalo dende unha perspectiva ambiental”, explicou. O problema comeza a partir de dúas modificacións, cando en 2013 e 2014 se amplían o tipo de residuos que pode acoller o vertedoiro e se inclúen amianto, hidrocarburos e alquitrán, entre outros, altamente contaminantes.

Do punto de vista do BNG e da veciñanza de Grixoa, existe unha grave preocupación sobre que se estean a incumprir os parámetros que marca a normativa de protección ambiental. Algunhas delas son visíbeis, pois o vertedoiro non ten un perímetro valado para impedir o paso de persoas e animais, como marca a normativa, e ten balsas de líquidos contaminantes que non están impermeabilizadas e, polo tanto, “pode haber un perigo real de que acaben en regatos, fontes e minas de auga”.

Ademais, o vertedoiro acolle residuos de distintas partes do país, “dende Sogama a Nostián e mesmo temos noticia de residuos que veñen de fóra de Galiza e se incumpre un principio básico de tratamento no lugar máis próximo a onde se xeneran”.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección http://santiago.bng.gal/articulo/novas/bng-amosa-na-praza-do-obradoiro-imaxes-irregularidades-no-vertedoiro-grixoa/20170605142910001881.html


© 2017 BNG de Santiago de Compostela

Bloque Nacionalista Galego

Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela (GALIZA)
Teléfono: +34981555850
Correo: sedenacional@bng.gal