Imprimir

O BNG reclama nova sinalización na contorna de Carretas e San Francisco

bngsantiago | 09 de Maio de 2017

IMG_1417
IMG_1417

Cómpre adoptar unha solución máis acaída como teñen noutras cidades Patrimonio da Humanidade para a convivencia entre vehículos e peóns

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2017.- O BNG reclamará no Pleno un estudo e nova sinalización horizontal e vertical na contorna de García-Sabell, rúa Carretas, Costa de San Francisco e Entrerríos para favorecer a seguranza viaria e a mobilidade peonil.

A rúa Domingos García-Sabell ten dous carrís de subida para os coches e, unha vez chegada á altura da rúa Carretas, estréitase para coller cara a rúa Entrerríos ou á Costa de San Francisco, incluso coa posibilidade de que haxa un coche parado no STOP que queira entrar e teña autorización para a rúa Carretas o que provoca colisións e certos momentos de tensións entre condutores.

Ademais, segundo explicou Rubén Cela en rolda de prensa, nesta zona incrementouse o número de vehículos e de peóns que transitan por ela, tanto polo Centro de Acollida de Peregrinos, o novo centro de saúde de Galeras e, proximamente, coa recualificación do vello hospital haberá unha superficie comercial na planta baixa.

Demandou tamén o portavoz municipal do BNG que a zona de circulación de peóns sexa continua, pois hai beirarrúas que embocan nunha sebe sen paso de peóns para continuar, puxo como exemplo, nunha zona onde os vehículos descenden nunha curva pechada sen visibilidade suficiente. O mesmo acontece na contorna de San Francisco, por onde circulan milleiros de persoas a pé cada día, xa que o paso de peóns máis próximo está na entrada do aparcadoiro de Xoán XXIII.

Así, lembrou o intento do PP para delimitar a zona de peóns cunhas árbores, mais coas excursións incúmprese este precepto, polo que cómpre adoptar unha solución máis acaída como teñen noutras cidades Patrimonio da Humanidade. “A solución do PP non era moi boa, pero CA limitouse a pór un sinal onde pon preferencia peonil; mais iso é confuso e non soluciona o problema”, advertiu.

Podes ver este artigo na próxima dirección http://santiago.bng.gal/articulo/novas/bng-reclama-nova-sinalizacion-na-contorna-carretas-san-francisco/20170509134604001857.html


© 2017 BNG de Santiago de Compostela

Bloque Nacionalista Galego

Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela (GALIZA)
Teléfono: +34981555850
Correo: sedenacional@bng.gal