O BNG require que se convoque a Comisión de Accesibilidade para corrixir erros de Carreira do Conde

O BNG require que se convoque a Comisión de Accesibilidade para corrixir erros de Carreira do Conde

“É intolerábel que unha obra nova presente estes erros arquitectónicos se queremos avanzar para conseguir unha cidade máis accesíbel”, di Rubén Cela

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2015.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, insta ao Goberno local e á Xunta de Galiza a revisar as obras de Carreira do Conde en materia de accesibilidade antes de que conclúan. “É intolerábel que unha obra nova presente estas deficiencias arquitectónicas se queremos avanzar para conseguir unha cidade máis accesíbel”, explicou.

Desniveis, cantos vivos, asimetrías e pendentes irregulares son algunhas das eivas de accesibilidade que se aprecian na actuación de Carreira de Conde, xunto coa carencia de resaltes no pavimento ou de pasamáns inferiores, por exemplo.

Deste xeito, o grupo municipal nacionalista solicita que se convoque a Comisión de Accesibilidade, que xa demandou de xeito reiterado tanto no anterior mandato como no actual, co obxectivo de analizar e de corrixir os problemas detectados nas novas obras públicas, como esta de Carreira do Conde, Montero Ríos ou Castrón Douro. Nesta comisión, ademais de representantes dos grupos municipais, están persoal técnico e colectivos de discapacidade.

Rubén Cela requírelle tamén ao Goberno de Compostela Aberta que sexa “especialmente coidadoso nestes temas para garantir a accesibilidade nas obras novas, coa intención de que, no futuro, non se volvan reproducir os erros de Carrreira do Conde e se fagan ben á primeira”.

O BNG require que se convoque a Comisión de Accesibilidade para corrixir erros de Carreira do Conde