Imprimir

Os composteiros con apertura de tecnoloxía avanzada nunca funcionaron

bngsantiago | 12 de Maio de 2017

Composteiro
Composteiro

Foron modificados por uns simples candeados e ningunha medida desta campaña se realizou

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2017.- O grupo municipal do BNG realizará unha pregunta oral no Pleno para saber canto gastou o Concello de Santiago en instalar o sistema de apertura mediante tecnoloxía avanzada que nunca chegou a funcionar nos composteiros comunitarios de Santa Marta, Galeras e Salgueiriños.

Así, o BNG require información tamén sobre cales foron os motivos de que non se activasen estes “composteiros intelixentes” anunciados en outubro de 2016, ao abeiro do programa SmartCity, que serían utilizados nun programa piloto por persoas voluntarias ás que se lles facilitaría unha tarxeta RFID coa que abrir o contedor de residuos orgánicos. Anunciouse que esta tarxeta lle permitiría ao Concello recadar datos como a frecuencia de uso ou a cantidade de materia orgánica depositada por cada persoa usuaria.

Deste xeito, o Goberno local explicara daquela que participaban empresas innovadoras, que achegaron as infraestruturas de control de acceso e comunicacións inalámbricas. O obxectivo era xerar unha nova solución de control de acceso ás infraestruturas de residuos que permitisen establecer esquemas de recompensa entre persoas usuarias deste sistema para incentivar o seu uso.

A sorpresa do grupo municipal do BNG foi que estes composteiros dotados inicialmente tecnoloxía avanzada que non funcionou foron modificados por un sistema de apertura cuns simples candeados e que ningunha medida desta campaña se realizou.

 

 

Podes ver este artigo na próxima dirección http://santiago.bng.gal/articulo/novas/composteiros-apertura-tecnoloxia-avanzada-nunca-funcionaron/20170512121959001865.html


© 2017 BNG de Santiago de Compostela

Bloque Nacionalista Galego

Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela (GALIZA)
Teléfono: +34981555850
Correo: sedenacional@bng.gal