Imprimir

Goretti Sanmartín fai balance da repercusión negativa para Santiago de Compostela nos dez anos de Feixóo como presidente da Xunta

bngsantiago | 01 de Marzo de 2019

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

As políticas de emprego do PP provocaron que na última década emigrasen a outras comunidades e ao estranxeiro 12.500 persoas de Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2019.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, no décimo aniversario de Feixóo como presidente da Xunta, cuestionou a “deterioración das políticas de emprego, servizos sanitarios, sector agrario e vivenda que lle afectan a Santiago de Compostela”.

Deste xeito, cualificou de “nefasta” a política de emprego de Feixóo na Xunta, coa precarización e recorte de dereitos laborais, que provocou que na última década emigrasen a outras comunidades e ao estranxeiro 12.500 persoas de Santiago de Compostela, segundo datos do IGE. Delas, máis de 4.000 tiñan entre 16 e 29 anos e isto supón unha perda importante de capacidade produtiva que vai hipotecar o futuro demográfico e socioeconómico da capital de Galiza, sinalou. “Santiago de Compostela hoxe podería superar a barreira dos 100.000 habitantes se houbese políticas de emprego para vivir dignamente e non abocar á emigración a milleiros de persoas que non teñen un posto de traballo estábel na súa cidade”.

“En canto á sanidade, remitímonos ao colapso que denuncian profesionais dos centros de saúde e hospitais que mesmo conduciron a multitudinarias mobilizacións e numerosas xornadas de folga para a recuperación do dereito básico á atención sanitaria”, advertiu. Até o propio grupo municipal do PP trasladou unha moción en febreiro de 2018 para denunciar o mal estado do centro de saúde de Conxo, que nunca foi remodelado en 26 anos desde a súa construción. “A isto engadimos a necesidade de crear o novo centro de saúde de Conxo, comprometido tamén por Feixóo e que nin sequera inclúe nos Orzamentos da Xunta pese a ser necesario para atender a área sanitaria de Compostela”, lembrou Goretti Sanmartín.

Referiuse ademais ao CEGADI, que segue infrautilizado 10 anos despois da súa creación, e á residencia pública para terceira idade que aínda é un proxecto.

Nas demandas da comunidade educativa figuran a construción de novas escolas públicas infantís, pois tampouco se creou unha praza pública nesta década de Feixóo á fronte da Xunta. Isto tamén incide na falta de políticas de ensino para fomentar o uso do idioma galego na infancia, que experimenta un retroceso drástico na última década. Tampouco asumiu a competencia, que lle corresponde á Xunta, para a xestión dos comedores escolares, delegando estas funcións nas ANPA e no ámbito municipal cunha dotación orzamentaria insuficiente. O recorte tamén se deixa ver na falta de profesorado, nos orzamentos de persoal investigador da USC e no mal estado das facultades, entre outros.

No rural non se realizou a concentración parcelaria do monte en Figueiras e Villestro tras anos de espera. No ámbito agrario, pérdese a capacidade produtiva das terras derivada da falta de pulso político para manter prezos dignos para o traballo de labregos e labregas. Cada vez, menos persoas continúan a facer traballos de carácter agrario e non son efectivas as políticas da Xunta para fomentar o relevo xeracional das explotacións nin a transformación que deixan maior valor engadido, co que o abandono do campo e o que significa de deixar de dispor de produtos de proximidade e de soberanía alimentar. En 2009 había máis de 500 explotacións agrarias en Santiago de Compostela, dez anos despois son 319.

En materia de vivenda, en 2009 había 7.000 vivendas baleiras en Santiago de Compostela, hoxe superan as 9.000. O proxecto para a construción de vivenda pública en Xoán XXIII quedou paralizado polo Goberno de Feixóo.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/goretti-sanmartin-fai-balance-da-repercusion-negativa-santiago-compostela-nos-dez-anos-feixoo-presidente-da-xunta/20190301132957002428.html


© 2019 BNG de Santiago de Compostela

Bloque Nacionalista Galego

Rúa do Home Santo, 54 baixo
15703 Santiago de Compostela (GALIZA)
Teléfono: +34981554167
Correo: compostela@bng.gal