Imprimir

Goretti Sanmartín presenta unha moción para instar a Xunta a atender as reivindicacións das Urxencias do hospital clínico

bngsantiago | 14 de xaneiro de 2019

Goretti Sanmartín na concentración de Urxencias
Goretti Sanmartín na concentración de Urxencias

Participou na mobilización de Urxencias deste luns contra os recortes de persoal e de recursos na Sanidade, que conducen “a unha situación caótica e de precariedade”

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2018.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín Rei, presentou unha moción de urxencia para o seu debate en Pleno destinada a instar a Xunta a cumprir a táboa reivindicativa da folga de Urxencias do CHUS “ante o sufrimento de recortes, de falta de persoal e de recursos”. “Toda a poboación da comarca de Santiago asistimos atónitas a que pasan as semanas da folga e non se move nada a pesar das protestas masivas como a da semana pasada, xunto coas queixas diarias e constantes nos centros de saúde”, engadiu.

O Consello de Contas recoñece que “en 2016 había menos profesionais que en 2015 e en 2015 menos que en 2014”, o que conduce “a unha situación caótica e de precariedade”, sinalou. Referiuse tamén a que a administración “non quere ter asignación funcional de prazas e non fixa nos novos contratos o número de centros nin de horas complementarias”.

Na Comisión alternativa de Sanidade do Parlamento fíxose unha denuncia, que chegou á Fiscalía, de posíbel trato non adecuado o pasado 2 de xaneiro a dous doentes que faleceron nas Urxencias do CHUS por mor da falta de atención médica durante un período de colapso no servizo. “Independente dos resultados da investigación, que consideramos necesaria, polo que coñecemos todos os días se producen situacións semellantes porque o sistema está saturado ante a falta de profesionais e de recursos”, advertiu Goretti Sanmartín.

Neste sentido, segundo explicou, a plataforma reivindicativa da folga convocada no servizo de Urxencias do Hospital Clínico inclúe, entre outros, a substitución do 100% das ausencias, a reposición do material deteriorado e obsoleto e a elaboración de protocolos para a asistencia de pacientes pendentes de ingreso mentres permanezan na unidade, minimizando tempos de estancia e adecuación de tratamentos.

Reclama tamén a elaboración do plan funcional negociado coa Comisión de Centro e acordado co equipo multidisciplinar, adaptado á realidade asistencial e que se utilice o 100% do espazo desta área de Urxencias coa dotación de persoal de maneira estábel.

En canto ao incremento do persoal, é necesaria a dotación de tres celadores/as para cubrir as quendas de mañá, tarde e noite; o aumento do cadro de profesionais de técnicos de coidados de auxiliares de enfermería (TCAE) que se traduza en 7 presenzas máis de xeito que en todas as quendas e cada día da semana sexa de 11 traballadores/as, co compromiso de aumentar esa proporción cando o servizo empece a medrar. En Enfermaría, o aumento de 4 en quenda de mañá, 4 en quenda de tarde e 5 en quenda de noite; ademais do incremento de 5 médicos/as.

Faise necesaria unha zona dedicada a observación de pacientes con patoloxías leves, a priorización de interconsultas que se xeran en Urxencias, o cumprimento dos requirimentos de inspección de traballo que seguen sen aplicarse como que as vías de evacuación estean despexadas, entre outros. Ademais das melloras recollidas en canto a críticos, monitores, boxes, cadeiras, observación, curas, filtro e triaxe.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/goretti-sanmartin-presenta-mocion-instar-xunta-atender-reivindicacions-das-urxencias-do-hospital-clinico/20190114122903002332.html


© 2019 BNG de Santiago de Compostela

Bloque Nacionalista Galego

Rúa do Home Santo, 54 baixo
15703 Santiago de Compostela (GALIZA)
Teléfono: +34981554167
Correo: compostela@bng.gal