Imprimir

Goretti Sanmartín proporá no Pleno a ampliación de prazas para persoas con discapacidade nos centros públicos

bngsantiago | 13 de decembro de 2018

Reclama a apertura total do Cegadi, que só ten uso administrativo, e a construción dun novo centro residencial e de día para maiores de 21 anos

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2018.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, presentou unha iniciativa que defenderá no próximo Pleno para ampliar as prazas para persoas con discapacidade nos centros públicos.

“En xeral, en Santiago hai un problema gravísimo de falta de prazas relacionadas coa dependencia, conciliación, servizos sociais e nestes ámbitos as últimas prazas creadas son da época do bipartito”, dixo, de cando o BNG cogobernaba a Xunta. Así, puxo como exemplos a última residencia pública para maiores da Volta do Castro; as escolas infantís de San Roque, de Trasparlamento e do Polígono do Tambre; as vivendas públicas de Belvís e o Centro Galego de Desenvolvemento Integral (Cegadi). “Este centro comezou como proxecto en 2007 e leva 10 anos infrautilizado e que non serve para o que foi deseñado”, explicou. Daquela estaba previsto “como un centro de vangarda, innovador, único naquela altura no Estado para o tratamento integral para a discapacidade”. Está nunha parcela 8.700 m2 e ía ser destinado a 162 persoas con atención diaria con 70 prazas para formación, 60 para habilitación funcional e psico-social e 32 de residencia temporal, ademais de dúas vivendas piloto.

Lembrou Goretti Sanmartín que o BNG xa trasladou a demanda para a apertura destas instalacións do Cegadi tanto no Concello como no Parlamento galego, en reiteradas ocasións, “mais abriu unha parte en 2017 unicamente con uso administrativo da Xunta e nestes momentos non se fai absolutamente nada para o que está creado este centro para atender esas persoas con discapacidade”.

Deste xeito, o BNG traslada ao Pleno as reivindicacións das familias que se están a mobilizar “porque non hai un lugar para as persoas dependentes cando ese centro enorme que ía ser pioneiro e vangardista mantén pechadas as instalacións”. Segundo explicou, asinouse un convenio recentemente “para abrir o próximo ano a piscina e a zona de rehabilitación, mais iso é insuficiente e seguen a acumularse atrasos”. Así, segue sen estar en funcionamento a zona de formación, residencia, saúde, emprego, apoio familiar e integración social.

Na proposición reclamará prazas para persoas con discapacidade intelectual, como defende a ANPA da Barcia, neste ou noutros lugares en centros públicos que garantan que despois dos 21 anos poidan ter espazos. “É necesario que o Cegadi abra ao completo, despois do investimento de 13 millóns de euros, e que ao final teñen as instalacións deterioradas e queda obsoleta”, indicou.

E reclamará tamén o aumento inmediato de prazas na Residencia de Gravemente Afectados Juan Vidán Torres, pertencente á Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual (ASPAS) e a construción dun novo centro residencial e de día en Santiago de Compostela, de cara aos rapaces e rapazas actualmente escolarizados e de futura escolarización con discapacidade física e psíquica.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/goretti-sanmartin-propora-pleno-ampliacion-prazas-persoas-discapacidade-nos-centros-publicos/20181213132819002313.html


© 2019 BNG de Santiago de Compostela

Bloque Nacionalista Galego

Rúa do Home Santo, 54 baixo
15703 Santiago de Compostela (GALIZA)
Teléfono: +34981554167
Correo: compostela@bng.gal