Imprimir

Goretti Sanmartín reclama un monumento a Ánxel Casal e ás vítimas do franquismo para lembrar a súa traxectoria

bngsantiago | 20 de Agosto de 2018

Acto Ánxel Casal 2018
Acto Ánxel Casal 2018

O BNG organizou un acto público para recoñecer a figura do alcalde nacionalista asasinado na ditadura

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2018.- O BNG de Santiago organizou un acto en memoria de Ánxel Casal, alcalde nacionalista asasinado na ditadura, do que Goretti Sanmartín destacou a necesidade “de restituír o seu nome e o de tantas outras vítimas na nosa historia porque non hai democracia posíbel se esta non se sustenta no recoñecemento de todas as persoas que loitaron e defenderon a legalidade arrebatada e os ideais de liberdade”. No acto interviñeron tamén Xandre Garrido, de Galiza Nova; o actor Fiz de Cotobelo, caracterizado como Ánxel Casal; e o grupo de música tradicional Os Enxebres de San Lázaro.

Por ese motivo, Goretti Sanmartín Rei reiterou a solicitude ao Goberno de Santiago “para que se faga un monumento de homenaxe a Ánxel Casal e que nel apareza un por un o nome das persoas que foron executadas ou que estiveron presas durante o franquismo”, ademais de anunciar a proposta de nomear unha rúa como Consuelo Otero Rial, compostelá tamén paseada en 1936, para proseguir a acrecentar o rueiro con nomes de mulleres que merecen ser lembradas.

Na súa intervención, destacou que coa chegada da ditadura se perdeu unha “esta xeración innovadora, rupturista, que desde o ensino, os medios de comunicación, a escrita ou a política fixo seu o empeño de vivir nunha Galiza en liberdade”. “Queremos, desde o Bloque Nacionalista Galego”, afirmou, “contribuír a borrar o esquecemento e recuperar a memoria de tantos homes e mulleres que sufriron o terror, un terror que, en moitas ocasións, puxo fin ás súas vidas”.

Moitas institucións e, por suposto, tamén o Concello de Santiago, foron duramente atacadas polo fascismo despois do levantamento. Ánxel Casal Gosenxe, alcalde de Santiago até comezos do mes de xullo, foi paseado naquel agosto de 1936. Apareceu nunha gabia en Cacheiras. “Ánxel Casal foi, sen ningunha dúbida, unha das mentes máis lúcidas do movemento nacionalista anterior a 1936, foi un home coherente, un traballador incansábel que, en palabras de Castelao, fixo máis por Galiza que todos nós”, explicou.

Destacou que foi a persoa que impulsou as escolas de Ensiño Galego, das que toman o nome na actualidade as Escolas de Ensino Galego da Semente, o que planificara a necesidade de contar con editoriais, coleccións propias e unha rica literatura, “o que apostou por crear mercado editorial, porque sabía que a oferta crea a demanda, algo que aínda hoxe lle temos que lembrar unha e outra vez á Xunta de Galiza”. Foi tamén a persoa que decidiu partillar a súa vida con María Miramontes, “unha costureira de amplísima formación política e gran cultura, que protagonizou xunto con Casal unha historia de compromiso coa Terra, a muller que enfiaba palabras para convencer outras mulleres para participaren no proxecto das Irmandades e do Partido Galeguista”, engadiu a candidata.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/goretti-sanmartin-reclama-monumento-anxel-casal-vitimas-do-franquismo-lembrar-sua-traxectoria/20180820141142002224.html


© 2018 BNG de Santiago de Compostela

Bloque Nacionalista Galego

Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela (GALIZA)
Teléfono: +34981555850
Correo: sedenacional@bng.gal